Ribadeo, 4 de setembro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, remitiulle hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha carta na que lle lembra que o Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo é un centro de titularidade municipal e de iniciativa e xestión pública directa. Deste xeito sae ao paso da alusión realizada onte polo presidente da Xunta no seu discurso de investidura no que dixo que o Concello de Ribadeo tiña unha residencia de maiores conveniada e que a xestionaba unha empresa privada. Suárez Barcia dille a Feijóo que agora ten unha marabillosa oportunidade para redimir as malas actuacións da administración galega coa nova residencia de Ribadeo, coa imprescindible actuación para axudar a modernizar e adaptar a outra residencia de maiores que hai no concello, o hospital asilo.
Na carta o rexedor referiuse a que “onte na sesión de investidura para a presidencia da Xunta de Galicia, a voceira do BNG, Ana Pontón, demandoulle ao Sr. Feijóo servizos sociais públicos, ao que este replicou que se aplicara o conto porque o Concello de Ribadeo tiña unha Residencia de Maiores conveniada e que a xestionaba unha empresa privada. Ao verme interpelado a este respecto, quérolle enviar cordialmente dúas mensaxes honestas e sinceras, tal e como se espera de quen detentamos cargos públicos: Primeiramente os meus parabéns institucionais por ser outra volta Presidente da Xunta nun momento de enorme complexidade social e económica, onde o valor do público será unha ferramenta fundamental para que a nosa sociedade poida resistir esta crise que estamos a vivir. E tamén como non, aproveitar para explicarlle a realidade das cousas, agora que vai encetar este novo mandato tan transcendente para todos os galegos e galegas, e especialmente no eido dos Servizos Sociais. Cousas que, realmente, coa súa formación xurídica e experiencia, coidaba que xa coñecía, ou cando menos debería coñecer, no relativo ás formas de xestión dos servizos públicos”.
Suárez Barcia subliña nesa carta que “o Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo é un centro de titularidade municipal e de Iniciativa e Xestión Pública directa, xestionado coa colaboración das dúas únicas administracións que estiveron presentes desde os inicios da loita veciñal por ter este centro en Ribadeo: o Concello e máis a Deputación, a través do seu persoal, funcionario e laboral. O único que pode atopar é, como en calquera outra administración, algún contrato de servizos para certas tarefas. Quizais o Sr. Feijoo non ten consultado (ou non lle teñen advertido) que todo isto figura no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellaría de Política Social da Xunta. Coa normativa vixente a nivel estatal e autonómico á hora de crear novos centros residenciais, este método de xestión é, de lonxe, o mellor, no senso de que a Administración Pública está sempre dentro do sistema, vixiando, fiscalizando e mellorando día a día todo o ciclo da xestión dos nosos maiores, moi ao contrario doutros sistemas como as concesións de servizos, concertos, etc. Quizais o Sr. Feijóo confunde este con outros sistemas, dos que a Xunta de Galicia está a abusar moitísimo nestes últimos anos, e que son diametralmente opostos ao de Ribadeo, como pode ser o concerto de prazas “públicas” en centros de xestión privada 100% e nos que o funcionamento diario non é controlado pola Administración Pública”.
O alcalde segue a manifestar nesa carta que “sabemos iso ben en Ribadeo, como tampouco esquecemos que a Xunta de Galicia non achegou sequera un céntimo de euro nin á construción nin á posterior xestión do centro. E todo iso sen ter en conta as innumerables pexas que tentou trabar ao longo dos sete anos de xestación deste nobre proxecto. Todo isto poderíao dicir con carraxe, e iniciar un toma e daca moi propio doutros momentos políticos, mais a situación agora convida (cando menos pola nosa parte) a outro tipo de solucións, para honra da cidadanía á que todos e todas servimos”.
E engade: “digo isto porque agora vostede e máis a súa equipa de goberno teñen unha oportunidade marabillosa para redimir as malas actuacións da Xunta co Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo, coa imprescindible actuación para a axudar a modernizar e adaptar a outra Residencia de Maiores que temos no concello. Trátase do Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro. Un edificio de titularidade municipal, cuxa xestión desde finais do século XIX é levada a través de congregacións relixiosas. Logo de infrutuosas xuntanzas con persoal da súa Consellaría para avanzar no modo técnico e viable desta actuación, levamos solicitada formalmente unha xuntanza coa Conselleira de Política Social desde hai xa tempo sen que a día de hoxe tivésemos resposta da nosa petición. Ten agora Sr. Feijóo, a posibilidade de non poñer mais paus nas rodas e traballar arreo co Concello para lograr neste mandato a consecución destes nobres obxectivos”.