Segundo declarou o alcalde ribadense, Fernando Suárez, “nestes días de setembro estamos aproveitando conxuntamente a concesionaria Viaqua e máis o Concello de Ribadeo para levar a cabo unhas obras de importancia para a poboación das parroquias de Covelas, Cedofeita e Arante para mellorar o subministro de auga potable nestas zonas”.
O rexedor explicou que “estas parroquias do interior do concello só teñen acceso á auga potable a través da captación do encoro de Lexoso, que colle a auga do río Grande. Alí na captación existe unha pequena estación de tratamento de auga potable que se ten que enfrontar ás veces a dúas situacións complexas: cando chove moito e se producen moitos arrastres no río, a auga tratada pode presentar problemas de turbidez. Pola contra, cando hai secas, e hai que dicir que nestes últimos anos están indo a máis, a capacidade de abastecemento normal vese afectada”.
Suárez Barcia dixo que “para mellorar todo isto, e como medida de seguridade, estamos a executar unha interconexión do depósito de Ove, que recibe auga da captación do río Eo, en Trabada, para levala á rede xeral das destas parroquias do interior”.
O alcalde contou que “estamos a instalar unha tubaria de 110 mm de diámetro ao longo de 2.200 metros de lonxitude. Podemos facer esta pequena grande operación de enxeñería hidráulica porque o depósito de Ove se atopa a maior altura que a rede de subministro destas parroquias, a onde queremos aportar este novo subministro de auga.”
Fernando Suárez engadiu que “as obras prolongaranse durante un período aproximado dun mes e aínda que isto non é a panacea nin moito menos, vainos permitir, chegado o caso, dispoñer dunha auga de maior calidade para o caso de que a do río Grande veña con turbidez, ou garantir o subministro mínimo para o caso de que a seca sexa moi pronunciada”.