A conselleira manifestou que a crise sanitaria da Covid-19 modificou as pautas do turismo, non só de Galicia senón de todo o mundo; polo que estes datos poden considerarse positivos e bos, sempre analizándoos dentro do contexto actual, marcado por unha diminución importante do fluxo de visitantes debido á crise sanitaria provocado polo coronavirus.
Así, o número total de autorizacións emitidas para visitar o Monumento Natural das Catedrais nos meses de xullo e agosto eleváronse a 153.795, un 18,16% menos que no mesmo período que no 2019. Aclarou que a baixada rexistrouse principalmente no mes de xullo, debido ás restricións de acceso establecidas nesta comarca.
Ángeles Vázquez salientou que esta demanda turística é a proba máis evidente de que Galicia, e A Mariña en particular, ten a sorte de ofrecer unha rica alternativa turística que permite realizar actividades ao aire libre, en espazos abertos e, polo tanto, con moitos puntos a favor neste contexto recente marcado polas precaucións sanitarias que se deben cumprir.
Nese sentido, a responsable de Medio Ambiente recordou que para facilitar as visitas, e que estas se realizaran seguindo as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias, a Consellería introduciu unha serie de cambios para garantir o distanciamento social, como organizar a subida e a baixada ao areal mediante quendas, priorizar a lectura de códigos QR en formato dixital, no canto de papel; e aconsellouse aos visitantes circular pola dereita nos camiños e pasarelas, como sentido prioritario.
Por último, a conselleira agradeceu o labor do dispositivo de traballadores despregado pola Xunta, 12 traballadores e un axente medioambiental presente na zona, que se encargaron de controlar as autorizacións de acceso, supervisar o aparcadoiro e realizar as visitas guiadas; así como dos propios visitantes e turistas que se acercaron a este enclave natural, xa que non se rexistraron incidencias destacadas e cumpriron en todo momento coas indicacións e recomendacións establecidas.