Burela, 5 de setembro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, manterá o vindeiro venres, 11 de setembro, unha xuntanza cos responsables dunha firma de cultivo de salmón que está interesada en asentarse en Burela.
O rexedor sinalou que “hai unha empresa que está moi interesada en vir instalar aquí un criadeiro de salmóns, con todo o proceso, desde as crías para desenvolvelos ata que estean preparados para comercializalos. É unha empresa que ten uns obxectivos claros e que permitiría mellorar a situación laboral no concello de Burela”.
Para Alfredo Llano “hai moi bo entendemento con esta empresa e creo que ten unha gran intención de implantarse no noso concello, concretamente na zona do porto, pero hai que mirar todo o que pretenden e a ver como se poden ir dando os pasos para que isto se vaia concretando”.
O alcalde burelés dixo: “por tanto vou reunirme con responsables desta empresa o próximo venres, día 11, para falar con eles sobre o que pretenden facer, cales son as características da empresa, o funcionamento, as necesidades e todo que se deriva da instalación dunha firma como esta. Imos velo porque estamos interesados en favorecer que veña esta empresa e outras. De feito xa está en marcha algún proxecto máis para implantar no noso concello. Trataremos de facilitar todo o posible a instalación de empresas para mellorar a produción e a situación laboral, que interesa moito nos tempos nos que estamos”.