Ribadeo, 9 de setembro de 2020. ACISA Ribadeo presentará as denominacións Vila Mariñeira de Rinlo e Barrio Mariñeiro de Porcillán co fin de promocionar eses lugares e levar a cabo actividades propias para eles. A primeira será unha exposición fotográfica que será inaugurada nos vindeiros días.
A asociación cumpre así co compromiso adquirido por parte da súa executiva e da xerencia na asemblea xeral celebrada o pasado mes de xaneiro que, a pesares da actual situación, puido sacar adiante coa colaboración da Xunta de Galicia.
ACISA Ribadeo presentou hoxe estas dúas novas denominacións: Vila Mariñeira de Rinlo e Barrio Mariñeiro de Porcillán. Con estas marcas, a patronal ribadense busca potenciar a imaxe turística de ambos lugares, poñendo en valor a súa gastronomía, a súa contorna e as súas opcións de ocio.
O presidente de ACISA, Francisco Iriarte, dixo que “estamos moi satisfeitos de poder presentar estas dúas iniciativas tan importantes para nós. Este foi un compromiso que acadamos na última asemblea de socios, no mes de xaneiro, cando o mundo era outro e pensabamos que non o íamos poder cumprir dadas as circunstancias actuais. Hoxe podemos presentalo, axudándonos a potenciar estes dous fantásticos lugares dende o punto de vista da promoción turística, gastronómica, de ocio e cultural. Ademais saldamos unha débeda histórica da asociación cos seus membros tanto do porto de Ribadeo como de Rinlo, que tradicionalmente se ven un tanto desfavorecidos no relativo á nosa actividade, ao non estar asentados no núcleo urbano da vila”.
Iriarte explicou que “a creación destas dúas novas denominacións supón que, a partir de agora, dende ACISA poderemos desenvolver actividades específicas con axudas e fondos propios destinados especificamente a eles, a Porcillán e a Rinlo. Falamos de que nun futuro, esperemos que non moi lonxe, se poidan facer xornadas e feiras gastronómicas, concertos e actuacións diversas, coas que dinamizar estas zonas. Ademais crearemos guías específicas, roteiros e outros servizos que nos axuden a promocionar estes dous paraísos que temos en Ribadeo”.
O xerente de ACISA, Jesús Pérez, sinalou que “a día de hoxe, en Rinlo contamos con cinco establecementos de hostalería asociados e en Porcillán con seis, cifras que fan case o 100% dos bares, restaurantes e hoteis de ambos lugares. Dende hoxe eses locais lucirán un distintivo específico e personalizado, cun deseño propio para Rinlo e para Porcillán”.
Xanelas ao mar
O presidente de ACISA, Francisco Iriarte, anunciou que “para estrear estas novas inauguraremos a exposición fotográfica Xanelas ao Mar, que se poderá ver durante varias semanas nas rúas e na hostalería da Vila Mariñeira de Rinlo e do Barrio Mariñeiro de Porcillán. Na organización desta mostra imos da man da asociación de veciños de Rinlo, O Candal, e contamos coa colaboración da Xunta de Galicia. A mostra estará durante os meses de setembro e outubro e crease como unha proposta diferente que ofreza un atractivo aos visitantes que nestas datas aínda poden vir a Ribadeo, traballando así pola desestacionalización do turismo. A exposición amosa nas rúas e na hostalería de Rinlo e Porcillán fotografías históricas cedidas por veciños, que axudarán a dar a coñecer como eran e como se vivía neses lugares, así como as artes pesqueiras e marisqueiras que se empregaban antigamente”.
O xerente da organización empresarial ribadense engadiu que “a exposición terá dous actos inaugurais: o sábado 12 ás 20:30 horas na Vila Mariñeira de Rinlo, na praza de Santa Catalina; e o luns, 14 de setembro, ás 12 da mañá no Barrio Mariñeiro de Porcillán, nas instalacións do Real Club Náutico de Ribadeo. Nos actos que se desenvolverán nesas datas intervirán representantes de ACISA, da Xunta de Galicia, do RCNR e veciños de Rinlo e de Porcillán, e proxectarase un documental sobre a historia mariñeira de Porcillán e marisqueira de Rinlo. Esa cinta servirá posteriormente para promocionar e mostrar a historia de dous lugares tan importantes do noso concello aos nenos e nenas dos centros educativos”.
Jesús Pérez sinalou que “esta actuación contempla, por parte de ACISA, a instalación da exposición polas rúas, a entrega gratuíta de catro lenzos con máis fotografías a cada establecemento hostaleiro, así como unhas postais de recordo e un roteiro da mostra para que se poidan dar aos clientes que eses días visiten a hostalería asociada a ACISA”. Os locais participantes son: Restaurante San Miguel, Bar O Náutico, Taberna O Náutico, Fogar do Mariñeiro, Restaurante Marinero, La Solana, La Villa, Porto de Rinlo, A Mirandilla, O Portillo de Rinlo e A Cofradía. Tamén recolle a presentación do documental co mesmo nome.
O presidente de ACISA, Francisco Iriarte, agradeceu “a colaboración e financiación deste proxecto por parte da Xunta de Galicia, así como ao deputado autonómico Daniel Vega polas súas xestións, á asociación O Candal de Rinlo pola súa cooperación e coorganización, ademais de ao equipo de persoas que puxeron en marcha este proxecto doando fotografías, participando no documental ou facendo posible esta actividade”.