A finalidade do plan, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, a Xunta contribúe á vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo e mellorando a capacidade organizativa desas áreas.
As achegas van destinadas a facilitarlles aos concellos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas, incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, como o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.
Cabe lembrar que, para dar servizo a cada unha das localidades da comunidade, establecéronse uns criterios de distribución das asignacións económicas previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie, ao peso do agro en cada municipio, así como ao grao de despoboamento e de envellecemento.