De feito, o Presidente anunciou que, seguindo o criterio técnico dos propios profesionais dos centros de maiores provinciais, a Deputación vén de remitir unha carta ás consellerías de Sanidade e de Política Social solicitando á Xunta de Galicia que realice, non só de xeito inmediato novas probas de detección do virus entre o persoal e os usuarios, senón que o faga de maneira regular. “A experiencia dos últimos meses veunos a demostrar que unha das medidas máis eficaces e efectivas para conter a Covid-19 é o cribado masivo”, subliñou José Tomé.
Na reunión de traballo, celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, participaron ademais do Presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; as directoras das catros residencias da Deputación, situadas na Fonsagrada, Pol, Ribadeo e Trabada; e persoal do servizo de Benestar Social.
“Se ben é certo, que dende a última vez que o solicitamos, a Consellería de Sanidade levou a cabo o cribado en dúas ocasións, pensamos que a actual situación que desgraciadamente estamos a vivir na provincia de Lugo aconsella unha vez máis a realización masiva dos test nos nosos centros residenciais. Ademais, estes cribados deberían realizarse con carácter periódico e non tan puntualmente como se vén facendo ata o de agora, posto que o persoal ademais de desenvolver o seu traballo nos centros, tamén ten a cargo a fillos menores que con carácter inminente comezan o curso escolar. É evidente que esta circunstancia acompañada da existencia de positivos asintomático incrementa exponencialmente os risco de contaxio”, asegurou o Presidente.
As directoras dos centros de maiores remarcaron a necesidade de trasladar información dos rebrotes ou casos positivos nos concellos nos que están abicados as residencias, así como dos municipios limítrofes e do resto da provincia. Así mesmo, tendo en conta a proximidade das residencias de Ribadeo e Trabada, que o Principado de Asturias comunique a mesma información.
Axuda do persoal sanitario
Como en anteriores ocasións, a institución provincial amosa de novo a súa vontade de colaboración para realizar os test poñendo a disposición do Sergas o persoal sanitario dos seus centros de maiores para a recollida de mostras e envío aos laboratorios e, deste xeito, axilizar o proceso. Neste sentido, o organismo provincial pídelle á Xunta de Galicia que faga extensible esta petición, pola súa necesidade sociosanitaria, ao resto de centros de prestación residencial da provincia.
A Deputación anticipándose
Ante o novo escenario de rebrotes na provincia, a Deputación mantén pechada dende o pasado venres as visitas e saídas a súa rede de residencias, seguindo deste xeito, como subliñou o Presidente, coa política de anticipación e de máxima prevención, mesmo por riba das medidas establecidas polas autoridades sanitarias, que aplica dende antes de declararse o Estado de Alarma. “Cremos que debe primar a prudencia sempre que estea ao noso alcance para minimizar o risco de contaxio e protexer aos nosos maiores”, explicou o Presidente.
Ata o pasado venres, a institución provincial viña desenvolvendo protocolos moi rigorosos durante as visitas que proviñan do exterior con medidas como a toma de temperatura, uso de luvas, desinfección de calzado ou, entre outras, manter un correcto distanciamento social. Pero ante o novo escenario xurdido, a institución considerou imprescindible extremar aínda máis as precaucións. Por iso, reforzaranse as vídeo chamadas e as chamadas e tamén se están valorando novas fórmulas de encontro para que manteñan un contacto constante cos seus seres queridos.
O Presidente incidiu en que cada centro irá evolucionando segundo as circunstancias sanitarias da zona na que se atopa ubicado, respectando en todo momento as decisións adoptadas polas autoridades sanitarias. “Estamos mantendo contactos de maneira diaria con Sanidade para aplicar os protocolos axeitados e así o seguiremos facendo”, asegurou.
Modelo asistencial de proximidade
Tomé Roca puxo en valor o labor “que tanto as directoras como os 90 traballadores das residencias levan facendo durante estes meses, permitindo que, ata o momento, os nosos centros de maiores non teñan ningún caso positivo. Isto demostra, unha vez máis, que o modelo asistencial público e de proximidade polo que apostamos dende a Deputación achega maior tranquilidade e seguridade aos 129 usuarios e ás súas familias. Son centros máis pequenos nos que se garante que os maiores reciben coidados personalizados, preto do seu lugar de residencia”.