Lugo, 25 de setembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación da prestación pública dos centros de maiores de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro por un total de máis de 2,1M€ en dous anos. Tomé Roca explicou que a contratación deste servizo é o último trámite administrativo para proceder á apertura das residencias, algo previsto para antes de finalizar o ano, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan.
“Esta foi unha Xunta de Goberno importante porque mobilizamos máis de 4,3M€ para mellorar os servizos públicos dos concellos e dos veciños e veciñas, para apoiar o tecido asociativo da provincia, pero que, ao mesmo tempo, serven para dinamizar a actividade económica, os sectores produtivos e o mantemento do emprego, algo especialmente importante neste contexto de crise económica provocada pola pandemia”, subliñou Tomé Roca.
Nese sentido, puxo de manifesto que unha gran parte desa cantidade se destina aos centros de maiores, por un lado á contratación da prestación pública das residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro por algo máis de 1 millón de euros cada unha ata o mes de xuño de 2020. Ese contrato inclúe os servizos de cociña, limpeza e asistencia básica para os dous centros.
Ademais, este venres quedou aprobada a adxudicación das obras de construción do centro de maiores de Portomarín por 1.430.000€ á empresa Coto Estudios y Construcciones SL. Este edificio incluirá 13 apartamentos tutelados e un centro de día.
O proceso de contratación deste proxecto viuse retrasado por motivos que non tiveron que ver coa institución provincial, pois a empresa que inicialmente resultou adxudicataria renunciou e foi necesario volver atrás o procedemento para adxudicar de novo as obras. Agora, a Deputación solicitará a autorización á Xunta de Galicia que permita o inicio dos traballos.
Instalacións deportivas en Pol
A Xunta de Goberno aprobou un convenio co Concello de Pol a través do que a Deputación lle achegou preto de 400.000€ en dúas anualidades para a construción dunha nova área de lecer e deportiva en Mosteiro. Neste convenio, a parte da Deputación ascende a 392.257,80€ e a do Concello a 43.584€, o que supón un investimento total de 435.842€, que irá destinado á dotación de instalacións complementarias para uso deportivo, a iluminación e os accesos.
“Esta nova achega de case 400.000€ que aprobamos hoxe súmase ós 330.000€ que a Deputación de Lugo xa ten aportado para a área de lecer e deportiva que promove o Concello de Pol en 38.000 m² de terreo”, subliñou Tomé Roca.
Alfoz e Cervantes
Tamén saíu adiante un convenio de colaboración co Concello de Alfoz para a construción dunha nave que servirá para almacenar maquinaria municipal. A Deputación achega 115.300€ para estas instalacións, que se levantarán na Granda de San Pedro, xunto á piscina municipal e o colexio. O Concello aportará 4.435€.
“Esta nave é moi necesaria porque agora mesmo a maquinaria municipal estase gardando ó aire libre, o que, ademais de expoñela a roubos, que xa se teñen producido, acelera o seu deterioro e provoca avarías que, de estar resgardada, non se producirían”, explicou o Presidente.
Tamén en Alfoz, aprobouse unha axuda de 16.645€ para a asociación de veciños de San Sebastián de Carballido co obxectivo é colaborar na reparación da cuberta e das escaleiras do local social deste colectivo. Tomé Roca detallou que “esta colaboración dá mostra do pegada que está a Deputación aos concellos e tamén ao tecido asociativo de moi diversa índole”.
“Neste caso, trátase dunha asociación de veciños pequena, pero moi activa con xente nova e que traballa para involucrar á veciñanza nas citas que organizan. Por exemplo, están involucrados na recuperación de feiras e festas tradicionais que se foron perdendo, como é o caso da Feira do Trece”, indicou.
Por outra banda, aprobouse un convenio co Concello de Cervantes a través do que a Deputación de Lugo sufragará con algo máis de 48.200€ a mellora da cuberta de palla do Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá.
O Sabor das Margaridas
Nesta sesión, tamén se aprobou un convenio coa produtora galega CTV para colaborar coa serie O Sabor das Margaridas. “Este convenio supón unha achega da Deputación de Lugo de 120.000€ para proxectar a imaxe da provincia dunha maneira internacional, tendo en conta que O Sabor das Margaridas é a primeira serie en galego que está incorporada á plataforma audiovisual Netflix”.
Tomé Roca detallou que a segunda temporada se rodou no inverno e xa foi estreada na Televisión de Galicia, pero adiantou que está previsto que nas vindeiras semanas estea dispoñible en Netflix. “A provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenarios paraxes como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai no Corgo ou a capital lucense. Dende a Deputación consideramos que esta colaboración é unha oportunidade para a proxección internacional da nosa riqueza paisaxística e cultural”.
“Dende a Deputación de Lugo temos un apoio claro na industria audiovisual lucense e galega. Nos últimos dez anos colaboramos con máis de dez películas, series, documentais e curtas porque estamos convencidos de que temos que estar do lado do audiovisual porque é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.
Remanentes do Plan Único
Esta sesión da Xunta de Goberno deulle o visto e prace a un conxunto de solicitudes dos concellos da provincia para investir remanentes do Plan Único 2019 en novas actuacións.
-En Foz, investiranse máis de 3.500€ para seguir acondicionando os camiños da parroquia de Vilaronte.
-En Folgoso do Courel, os remanentes servirán para axudar no financiamento do afirmado do camiño de Campelo a Millares.
-Na Pobra do Brollón vanse investir 6.134€ nas obras de mellora da accesibilidade do edificio multiusos municipal, uns traballos cofinanciados co Concello.
-No Saviñao, os remanentes de preto de 30.000€ irán destinados ao subministro de formigón para a adecuación de estradas en varios puntos do concello. En concreto, trátase das seguintes vías: Outeiro-Candaira, Vilacaíz, Vilatán, Galegos, Marrube-Castiñeiras, Touza, Forcados, San Vitorio-As Trabes, Segán, Agra e Vilarello.