A edil declarou que “como todos nestes tempos o Día da Patroa vai ser un día moi atípico. Porén temos dito varias veces ao longo destes meses que a cultura non pode parar, que se viu o ben que nos veu o lecer cultural en tempos de confinamento, e é máis atrévome a dicir que agora mesmo os eventos culturais están a ser dos actos sociais máis seguros, grazas a que se toman as medidas precisas e as persoas que asisten a eles se comportan responsablemente”.
Pilar Otero dixo que “con esta premisa queremos comezar a falar, en primeiro lugar, da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Hai moitos meses que non podemos escoitala porque, entre outras cousas, o número de persoas implicadas dificultaba moito os ensaios nestes tempos de Covid. Unha vez solventado o problema dos ensaios, organizado o protocolo de prevención sanitaria, a asociación Amadores da Música optou por facer o tradicional concerto da patroa este venres. A decisión está motivada polo feito de que, se tivese lugar o propio día 8, ían ser moi poucos os intérpretes que puidesen estar e o acto ía quedar un tanto deslucido. Convidamos á veciñanza de Ribadeo para que acuda a escoitar á nosa Banda hoxe venres, ás oito, no campo de fútbol do colexio Gregorio Sanz, e así contribuír á normalidade que todas e todos estamos desexando”.
A concelleira de Cultura salientou que “nos gusta moito anunciar que o día 8 van saír o Coco e a Coca facer o tradicional pasarrúas. Estarán acompañados dos cabezudos e cabezudas e dos grupos de música de Amigos da Gaita e Illa Pancha. A saída vai ser ás once e media dende a Oficina de Turismo”.
A responsable de Cultura no Concello de Ribadeo quixo “recordar ademais que na misa da patroa actuará, como ven sendo habitual, outro dos grandes piares da cultura ribadense, a Coral Polifónica de Ribadeo, que nos deleitará coas súas armónicas voces”.
Pilar Otero desexou que “o Covid non nos impida pasar un feliz día da patroa, na compaña de familiares e amigos, sen esquecer que temos que gardar as medidas para coidarnos e coidar dos demais. Se todos somos respectuosos e nos coidamos, e coidamos dos demais, todo sairá ben”.