Site icon Crónica3.com A Mariña

“Tempos de desinformación”, por Antonio Gregorio Montes

Nestes tempos tense acentuado un feito que ven de lonxe: custa moito menos desinformar que informar. De sempre foi así: para informar fai falta ser capaces de coller un feito, comprendelo e dalo a coñecer de xeito fiable. Para desinformar só fai falta dicir. O que sexa. Tanto é así que ás veces, algo que é verdade é desinformación sinxelamente por estar metido entre outras cousas que non o son, co que a verdade que poda representar pasa a non ser nada máis que un xeito de adornar a mentira para facela máis crible.
Xa se leva repetido ata a saciedade, de multitude de xeitos, o tema das mentiras relacionadas coa política. De feito, xa hai varios centos de anos que Jonathan Swift ten escrito de xeito directo sobre a arte da mentira política, moito tempo despois de que Maquiavelo a usara na súa arte. De tal forma que hoxe por hoxe xa se supón que todo político minte tanto como fala. E aínda que de cando en vez ‘ese político’ poda dicir algunha verdade, estará encadrada dentro do conxunto das mentiras e como tal se tomará: sen darlle importancia. Aínda máis, polo que parece, os mesmos xuíces admiten prácticas dentro da política que non admiten noutros ámbitos, librando ós políticos de máis dun embrollo mentireiro. E, se nun ámbito hai unha costume, pode estenderse ó resto da sociedade… Chegamos así a que o dito de que ‘non hai verdade nin mentira, todo é da cor do cristal co que se mira’ tivo no seu momento unha base de pensamento, mais hoxe non se trata de aplicar esa base, senón da dilución das verdades no mar das mentiras.
A máis de ser máis doado desinformar que informar, unha desinformación ó chou soe ser abondo máis atractiva para difundir, máis impactante, que a verdade, polo que recibe por termo medio unha maior difusión por parte de quen non se preocupa de contrastar, ou non ten tempo nin ganas de facelo, pero si ten tempo de pulsar unha tecla, tan a man elas, máis doado aínda que transmitir a suposta información por vía oral. E por suposto, o pulsar alguén unha tecla, e alguén outro outra, é tamén moito máis doado que pensar e contrastar se unha información concreta é verdade, corresponde a un feito…
Chegamos ata o caso que na Wikipedia podemos atopar páxinas co título de “Desinformación sobre la pandemia de enfermedad por coronavirus de 2019-2020” (en máis de 30 linguas), que neste momento no que escribo, ten máis de 4000 palabras, referencias aparte (en castelán, en https://es.wikipedia.org/wiki/Desinformaci%C3%B3n_sobre_la_pandemia_de_enfermedad_por_coronavirus_de_2019-2020). A páxina aporta algunha curiosidade, como a contribución de medios estatais dalgúns países á desinformación no caso concreto do coronavirus, ou a posibilidade de clasificación da desinformación segundo tipos ou categorías.
Seguiremos informando.

Exit mobile version