O pozo de bombeo que debería estar en funcionamento continúa inactivo debido a que as obras do saneamento da referida zona se atopan paralizadas, sendo boa mostra disto a existencia dun burato de máis dun metro de profundidade -protexido por un valado e unha chapa metálica desde o mes de febreiro- na confluencia das estradas de Vieiro e Galdo.
A acometida do saneamento e a dotación de pozos de bombeo forma parte do compromiso acadado hai nin máis nin menos ca 12 anos por parte da antiga AQUAGEST, actual ViAQUA, de execución de diversas obras ao seu cargo; a cambio disto, a compañía obtivo a ampliación da concesión da explotación do servizo municipal de auga potable e saneamento ata o 1 de xullo de 2033.
Así pois, Son Viveiro-Son en Común solicitaralle ao goberno municipal que tome cartas no asunto para que tales obras sexan rematadas dunha vez por todas. Resulta sinxelo facer promesas para mellorar o estado das áreas rurais do noso municipio, pero a realidade é moi diferente; precísase que o Viveiro que non se patrocina para o turismo, o Viveiro que non se ve, tamén teña acceso aos servizos necesarios, pois son de primeira necesidade para cidadanía. As áreas rurais deben ser prioritarias e non poden caer no abandono.