Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Viveiro pide o impulso da aprobación do PXOM

Viveiro, 2 de agosto,2020. No pasado mes de agosto do ano 2019, aprobamos por unanimidade de todos os grupos políticos desta Corporación a seguinte moción a proposta de Por Viveiro, que a continuación transcribimos:
Viveiro atópase nunha situación urbanística que non pode continuar por máis tempo. O noso Concello está perdendo o tren do crecemento e a rehabilitación urbana, tren no que si que se atopan concellos do noso entorno.
No ano 2006, suspendéronse con acerto as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Viveiro, que levaban ao noso Concello a un crecemento desproporcionado e completamente desordenado. As normas realizadas no ano 1978 provocaron a situación na que nos atopamos na actualidade.
O Decreto 102/2006 coas modificacións introducidas no Decreto 89/2010 rexen na actualidade o urbanismo de Viveiro. Estas normas están configuradas de forma temporal, mentres non se aprobaba o PXOM por parte do noso Concello.
Dende a aprobación do Decreto 102/2006 pasaron nada máis e nada menos que 13 anos, tempo político, no que se realizou a aprobación inicial do PXOM o 14 de abril de 2011. Esta aprobación inicial supuxo a apertura dun período de alegacións, foron moitas as veciñas e veciños, que presentaron alegacións que a día de hoxe 8 anos despois, seguen sen resposta. A resposta ás alegacións é de obrigado cumprimento para poder chegar ao seguinte paso de aprobación provisional do PXOM, e aínda está pendente.
Durante os últimos anos, primeiro as trabas da Dirección Xeral de Patrimonio e logo as de Augas de Galicia, xunto con certo desinterese do Goberno Municipal, “retrasaron” a aprobación provisional do PXOM.
Son moitas as veciñas e veciños, que viron durante estes anos truncados os seus desexos de utilizar as súas parcelas para os usos urbanísticos habituais.
Dende a última reunión da comisión de seguimento do PXOM, ningún avance se ten informado e continuamos nunha situación de estancamento. Así mesmo os constantes retrasos na aprobación provisional supoñen un incremento do coste dos traballos do equipo redactor, que o Goberno Municipal ten que explicar para coñecemento das veciñas e veciños.
Dende POR VIVEIRO entendemos a necesidade urxente de que Viveiro conte cunha normativa de ordenación urbana acorde a este século e saír da provisionalidade. E por isto que propoñemos ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo:
1. Convocar a comisión de seguimento do PXOM durante a segunda semana de Agosto
do 2019, co obxectivo de obter toda a información sobre o estado da tramitación do
Plan.
2. Convocar a comisión de seguimento do PXOM a primeira semana de cada mes ata a
aprobación provisional co obxectivo de facer un seguimento mensual da información e
tramitación do PXOM e impulsar a súa aprobación.
3. Instar ao Goberno Municipal a traballar para aprobar provisionalmente o PXOM
durante o ano 2019.
Pasado un ano enteiro, dende a súa aprobación por unanimidade, téñense celebrado en
setembro do 2019 dúas reunións informativas, sen que ningún avance máis sexa coñecido polo
noso Grupo Municipal, a respecto dos acordos alí establecidos.
Dada a situación económica actual, e a futura crise derivada da situación de emerxencia sanitaria
na que nos atopamos, así como o futuro incerto da factoría de Alcoa, o Concello de Viveiro ten
que actuar de forma áxil na búsqueda de alternativas que sirvan para dinamizar a economía e
aporten valor engadido ao noso Concello.
Calquera alternativa en Viveiro atópase coa ausencia e paralización da normativa municipal
actualizada, que impide de facto o desenvolvemento urbano e económico do noso Concello e
ponnos no vagón de cola da comarca da Mariña en canto a urbanismo, posto que O Vicedo,
Xove, Burela ou Ribadeo, xa contan coa súa normativa actualizada.
É por isto que voltamos novamente a solicitar ao Pleno da Corporación Municipal a aprobación
do seguinte acordo, igual ao incumprido no ano 2019:
1. Convocar a comisión de seguimento do PXOM durante a segunda semana de Agosto
do 2020, co obxectivo de obter toda a información sobre o estado da tramitación do
Plan.
2. Convocar a comisión de seguimento do PXOM a primeira semana de cada mes ata a
aprobación provisional co obxectivo de facer un seguimento mensual da información e
tramitación do PXOM e impulsar a súa aprobación.
3. Instar ao Goberno Municipal a traballar para aprobar provisionalmente o PXOM
durante o ano 2020.

Exit mobile version