Foz, 19 de agosto de 2020. O secretario general de Infraestructuras, do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) do Goberno de España, Sergio Vázquez Torrón, visitou Foz e percorreu o concello xunto ao alcalde, Fran Cajoto, e ao concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, revisando proxectos pendentes e propostas do executivo local. Sergio Vázquez coñeceu sobre o terreo a iniciativa de dotar ao municipio dunha terceira entrada, unha nova avenida que prevé conectar a estrada N-642 co barrio de Marzán e, a través da Rúa do Cemiterio, co centro da localidade.
Esta actuación é cualificada polo executivo focense como “a infraestrutura fundamental que permitirá liberar presión do vehículo privado no casco urbano apostando, agora así, por medidas de humanización razoables para o municipio”.
O alcalde explica: “apostamos por un Foz planificado, de futuro, traballando de forma seria e responsable. A casa comézase polos cimentos, non polo tellado, e este ano dispuxemos o financiamento para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible dentro dos fondos que aporta a Deputación. Calquera actuación nunha rúa de Foz afecta ao conxunto do casco urbano: o obxectivo é conseguir unha vila máis amable co peón e coa bicicleta, un pobo que sexa aínda máis atractivo para vivir”.
Ademais desta proposta na visita do secretario general de Infraestructuras do Ministerio de Transportes “tratouse o estado do proxecto das rotondas de Cangas e a necesidade dunha actuación no cruce da Corredoira. É unha preocupación constante a seguridade vial e sabemos da problemática que teñen estes cruces para todas as veciñas e veciños”, engadiu Fran Cajoto.
E o concelleiro Carlos García comentou que “a visita do secretario general de Infraestructuras e o seu interese por unha serie de pequenas actuacións que queremos impulsar dende Foz é de sincero agradecemento. Vamos seguir tecendo lazos coas administracións para impulsar o potencial do noso municipio. Os cidadáns demandan traballo e sentido común, levamos tatuada a mensaxe dende o primeiro día”.