Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pregunta ao goberno provincial se ordenou retirar da Deputación o retrato de Julio Ulloa Vence, ex presidente recentemente falecido

 Lugo, a 25 de agosto de 2020. O grupo provincial popular quere saber se o goberno presidido polo socialista José Tomé ordenou a retirada dos corredores do pazo de San Marcos do retrato de Julio Ulloa Vence, que presidiu a Deputación entre 1963 e 1965. O viceportavoz popular Agustín Baamonde presenta unha iniciativa con respecto a este asunto; os populares queren saber se realmente foi retirado ese cadro e, de ser así, se existe algún informe xurídico-técnico, que xustifique tal medida, ao igual que con respecto aos outros cadros (retratos) de ex presidentes da Deputación que foron retirados dos corredores do edificio e cal é o seu destino.

Para Agustín Baamonde, sería unha contradición retirar o retrato dun demócrata como Julio Ulloa, que foi concelleiro, senador e deputado nacional. A este respecto, Baamonde lembra que con motivo do seu falecemento, o pasado 30 de maio, a Deputación fixo público un comunicado no que, entre outras cousas, dicía: “O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, manifesta en nome da Corporación provincial o pesar polo falecemento de Julio Ulloa Vence e traslada as súas condolencias e afecto á súa familia e amizades. Julio Ulloa Vence foi presidente da Deputación dende o 17 de xullo de 1963 ata o 23 de abril de 1965, segundo consta nas actas oficiais da entidade, sendo naquel momento o presidente máis novo de España”. No mesmo texto indicábase a “aprobación dunha Declaración Institucional na que a Deputación lembra que esta etapa á fronte da entidade “formou parte dunha longa traxectoria profesional e política que fai que Ulloa Vence ocupe unha parte importante da historia da provincia. Unha traxectoria marcada polo seu compromiso coa natureza, o medio ambiente e a súa actividade no eido cultural”. A institucións, puntualiza Baamonde, aplicou neste caso o “Regulamento de Honras e Distincións da institución polo falecemento de Julio Ulloa Vence, incluída a resolución de tres días de loito oficial”.

Nas filas populares apúntase que, de confirmarse a retirada, confirmaríase tamén, unha vez máis, que o PSOE de hoxe non é o mesmo PSOE de Gómez Besteiro. Con ocasión da colocación do retrato de Francisco Cacharro no pazo de San Marcos, Julio Ulloa foi invitado a este acto. Besteiro, Cacharro e Ulloa posaron xuntos baixo o retrato de Cacharro.

Exit mobile version