Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro solicita a retirada da ordenanza de Convivencia, Limpeza e Residuos aprobada inicialmente polo pleno

 Viveiro, a 27 de agosto de 2020. Para interpretar debidamente ao goberno municipal de Viveiro é preciso coñecer a popular fábula do parto dos montes. Cando todos os síntomas anuncian unha decisión de gran calado, en vez do rato da fábula, sae unha fonte de conflitos e non a solución necesaria. Isto mesmo é o que ocorre coa ordenanza municipal de Convivencia, Limpeza e Residuos. Ninguén discute a necesidade dunha ordenanza que regule aspectos fundamentais da convivencia e do aseo urbano, pero, di o portavoz popular do PP, Óscar Rodríguez, “está claro que a ordenanza aprobada inicialmente só cos votos dos concelleiros que forman o goberno municipal non é nin de lonxe a que necesita Viveiro, porque en vez de axudar a resolver problemas o que vai facer é crealos”.

Os populares pediron hoxe, en rolda de prensa, a retirada da citada ordenanza na súa actual redacción. Queren que na súa elaboración se dea participación a todos os grupos municipais, para que sexa un documento consensuado e libre de todas as deficiencias que atopan nel. Sinalan que o período de presentación de alegacións abre aínda a posibilidade de modificar consensuadamente esta ordenanza, que, se reúne as condicións necesarias, será de gran importancia para Viveiro.

Os populares manterán proximamente unha reunión con asociacións de veciños para coñecer as súas propostas e darlles a coñecer cales son, ao seu xuízo, as deficiencias, numerosas e de gran importancia, que presenta o actual documento. Entre outros problemas, os concelleiros do PP din que na súa actual redacción a ordenanza e confusa en moitos aspectos e repetitiva. Óscar Rodríguez sinala: “Para nós, unha ordenanza coma esta ten que ser moi clariña, de maneira que todos os cidadáns saiban a que están obrigados e que dereitos teñen nos temas aos que afecta esta normativa”. Está seguro de que os cidadáns presentarán alegacións a ordenanza aprobada inicialmente só cos votos dos concelleiros do goberno municipal.

Entre as deficiencias que o PP atopa neste documento está a carencia de toda referencia ao problema da pandemia, que, como é sabido, provocou que as institucións emitisen normas de obrigado cumprimento. Óscar Rodríguez di: “O que está claro é que un documento como este, a debate aínda neste momento, non se pode esquecer dos problemas relacionados coa covid-19; é inaudito que non se faga nin referencia a este asunto”.

Rodríguez, para poñer de manifesto a necesidade dunha ordenanza como a que ao seu xuízo precisa Viveiro, destacou que días pasados houbo un acto de vandalismo no paseo marítimo, no que os gamberros desmontaron algúns dos bancos. Tamén se fixo eco das queixas de veciños porque recentemente algúns contedores dunha rúa non foron baleirados en varios días.

Exit mobile version