Lugo, a 3 de agosto de 2020. O Partido Popular da provincia de Lugo rexeita o acordo aprobado pola FEMP aceptando a proposta do Ministerio de Hacienda para a liberación dos remanentes e o uso do superávit dos Concellos cos únicos votos a favor do PSOE e o voto de calidade do presidente e alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao considerar que “vulnera a autonomía que a Constitución lles outorga ás entidades locais e supoñer na práctica que o Goberno poda apropiarse dos aforros dos Concellos e Deputacións”.
Consideran dende o PP lucense que “este acordo apoiado unilateralmente polo PSOE sen contar sequera co apoio dos seus socios no Goberno é sumamente preocupante” e lamentan que “o Executivo de Pedro Sánchez chantaxee ás entidades locais” porque “a cambio de atender as súas peticións, apropiarase da totalidade dos aforros de tódolos veciños durante 10 anos para financiar a axenda do Goberno”. Os populares desbotan os argumentos dos socialistas ao asegurar que “é falso que non exista unha alternativa para que as entidades locais podan empregar os seus aforros para atender as súas necesidades máis urxentes e directas” e que tamén “é falso que este acordo evite que as entidades locais incorran en déficit”.
Os populares lucenses defenden que “o diñeiro dos veciños e veciñas que é xestionado polas entidades locais ten que reverter directamente nos propios veciños e servir para atender as súas necesidades. E máis especialmente nestes momentos nos que temos que facer fronte ás consecuencias sociais e económicas da covid-19”, puntualizan.
Dende o Partido Popular da provincia de Lugo “defendemos o papel dos concellos e das deputacións provinciais como administracións máis próximas aos veciños” e, nese sentido, “rexeitamos por completo que sexan ninguneados”. Así mesmo, aseguran que “é un despropósito deixar fóra do reparto aos concellos con menos liquidez” e propoñen aplicar criterios obxectivos.
Engaden que “tamén é moi preocupante” que “con este acordo se rompera o consenso que os representantes dos concellos e deputación de toda España viñan alcanzado nas resolucións que adopta este órgano dende fai décadas”. Por iso, dende o PP lucense reproban a actitude do presidente da FEMP e alcalde de Vigo por romper o consenso que caracteriza á institución e “traizoar aos veciños pasando por riba da vontade dos municipios e deputacións que pedían, ata fai dous días, empregar o 100% dos recursos que lles son propios sen ningún tipo de tutela”.