Viveiro, 4 de agosto de 2020. O GALP A Mariña Ortegal ven de facer unha presentación pública sobre o proxecto de colaboración RELEVO2020 que está a poñer en marcha con outros catro GALP galegos. No acto, que tivo lugar no Barco Museo “Reina del Carmen” no porto pesqueiro de Burela, estiveron presentes o alcalde da localidade Alfredo Llano e a concelleira de Mar, Carmela López, o patrón maior e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, María Calvo da entidade adxudicataria e Verónica Díaz, representante do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro.
As entidades locais destacan a importancia do relevo no sector primario do mar e o interesante de que mozos e mozas coñezan o sector pesqueiro e todos os recursos e oportunidades que lles brinda. Esto, unido ás titorías e asesoramento individualizados farán que os mozos e mozas do territorio teñan a man as ferramentas precisas para encamiñar e decidir sobre o seu futuro profesional.
O proxecto, que seguirá durante todo o verán coa fase de captación de participantes, ten habilitado o seu formulario de inscrición no espazo web relevo2020.org e conta xa con prazas cubertas.
Información sobre o proxecto
Para información sobre a iniciativa pódese consultar a súa web, escribir á dirección de email info@relevo2020.org ou ben poñerse en contacto coa oficina do GALP en Rúa Misericordia, 35, Viveiro.
O proxecto está presente ademais nas redes sociais Instagram e Facebook co nome de Relevo2020