A longametraxe, inspirada na lenda de Maria Solinha, conta a historia dunha actriz de teatro que, en pleno século XXI, sufre os ecos das agresións que padeceu María Solinha, acusada de bruxería e perseguida pola Inquisición.
Antes do visionado, director e actrices participarán nunha mesa coloquio co público, na que tratarán os procesos de documentación e rodaxe da película, producida por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia.
A longametraxe ven de recibir o seu primeiro recoñecemento internacional no festival italiano de Taormina, onde obtivo o premio á mellor produción do cine indoeuropeo competindo con cintas de once países.
11 proxeccións en toda a provincia
A película, que xa puido verse na Pobra do Brollón, no Corgo e en Meira, estrearase o martes 4 en Guitiriz e, en datas posteriores, en Becerreá, Monterroso, Xove, Fonsagrada, O Valadouro e Outeiro de Rei.
Con este ciclo, a área de Cultura apoia a distribución do filme en localidades sen salas de cine comerciais, ofrecendo así unha canle de difusión complementaria á creación audiovisual galega e en galego. As proxeccións ao aire libre amplian ademais as propostas culturais dos concellos da provincia durante o verán.