Cervo, 12 de agosto, 2020. No día de onte martes 11 de agosto, e a pedimento do Comité de Empresa con data de o5 de agosto para que levase a cabo unha mediación das Administracións no proceso de despedimento colectivo, celebrouse unha reunión en Madrid coa presenza do Ministerio de Industria, Consellería de Industria da Xunta, os Sindicatos e a Dirección de Alcoa en España.
Alcoa ten unha proposta sobre a mesa, que non difire substancialmente da realizada polo Comité na última reunión do proceso de despedimento colectivo:
•Estender en 6 semanas (ata o 28 de setembro) o período de consultas do expediente de regulación de emprego, durante o que Alcoa debe iniciar un proceso de compra-venda en exclusiva con Alliance GFG, mantendo a actividade industrial na Planta de San Cibrao.
•Informar regularmente a todos os actores da evolución da negociación a través dunha mesa industrial (Xunta, Ministerio de Industria, Sindicatos e Comité)
•De non concretarse o acordo de compra-venda, daríase continuidade ao período de consultas iniciado, retomando a senda do diálogo e a negociación.
Desde o Comité de Empresa queremos manifestar que mañá xoves na reunión coa Empresa aceptaremos este proposta froito da mediación,na que todas as partes traballarán conxuntamente para alcanzar un acordo de compra-venda. Así mesmo queremos agradecer a todos os que nos apoiaron durante esta loita pola defensa non só da nosa fábrica, senón pola supervivencia de toda A Mariña. Onte quedou demostrado que non hai arma que poida combater a firmeza da clase obreira, gritando a unha soa voz: AS CUBAS NON SE PARAN