Foz, 28 de agosto de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pide a veciños e visitantes do municipio que respecten todas as medidas de protección contra o Covid-19 tamén nesta fin de semana, para a que estaba programada a Festa Normanda, que foi suspendida debido á pandemia.
“Nunha fin de semana na que temos en mente o recordo da Festa Normanda pido que se respecten todas as medidas de precaución, incluído o uso de mascarilla, como se ven facendo de forma xeral durante este verán”, manifestou hoxe o rexedor municipal, quen lembra que “están prohibidos os botellóns e tamén calquera outra concentración numerosa de persoas”.
Fran Cajoto explica que “desde o Concello organízase unha programación de actividades culturais na rúa para que se sigan con sentidiño, con todas as medidas de distanciamento que son necesarias nesta situación”.