Segundo puideron comprobar membros de Mariña Patrimonio, na zona norte deste Ben de Interese Cultural realizáronse recentemente remocións de terras con maquinaria pesada para a apertura dunha pista. As remocións de terras e a pista chegan ao interior do foxo que defendía o castelo. Por outra banda, na zona sur do xacemento abriron tamén unha pista, que sobe ata o mesmo castelo. Estes movementos de terra con maquinaria pesada chegaron ata os muros, que forman parte deste ben patrimonial protexido, o que puido provocar o derrube dalgúns tramos dos muros. Así mesmo, na parcela onde se atopa o Castelo de Penaflor acondicionouse o terreo con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos. Esta acción puido deixar soterrado parte do antigo e orixinal camiño de entrada ao castelo.
Mariña Patrimonio sospeita que estas actividades, que probablemente non conten coa preceptiva autorización da Consellería competente en materia de patrimonio, puideron danar e alterar este ben patrimonial, polo que lle solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que se adopten as medidas oportunas para que se proceda á restauración das zonas afectadas, así como a apertura do correspondente expediente sancionador. Ademais, dende esta asociación presentaron outra denuncia no Concello de Riotorto por posible infracción urbanística, dado que tanto as remocións de terras como a apertura das pistas previsiblemente non conten coa autorización municipal correspondente.