Lourenzá, 25 de agosto de 2020. Vilanova de Lourenzá celebrará este domingo, día 30, unhas festas do Conde Santo diferentes debido ao Covid 19. Están organizadas polo Concello e pola Asociación Patrimonio Laurentino, colectivo de nova creación que se vai presentar nesa xornada de actividades.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou que “o Conde Santo vaise celebrar este ano dunha maneira diferente debido ao Covid 19. O Concello de Lourenzá en colaboración coa Asociación Patrimonio Laurentino son os encargados de organizar os actos. Este novo colectivo, que ten como obxectivo a recuperación do patrimonio do concello, vaise presentar aos veciños ese día”.
As actividades organizadas polo Concello son un concerto da Banda de Música de Foz programado para as 13:30 horas e unha actuación da charanga BB+ ás 20:00 horas.
E os actos da Asociación Patrimonio Laurentino son a saída dos Cocos acompañados polo grupo local de música tradicional Souto Xímaro, ás doce do mediodía, e ás 21:00 horas haberá outra actuación de Souto Xímaro, a presentación da Asociación Patrimonio Laurentino e a proxección do Mouchiño de Pablo Cid.
A continuación a charanga BB+ volverá animar as rúas de Vilanova de Lourenzá para rematar a xornada festiva.
Todas estas actividades, que contan coa colaboración da Deputación de Lugo, terán lugar na Praza do Conde Santo.