Ribadeo, 24 de agosto de 2020. Mañá, día 25, da comezo en Ribadeo, no Centro Pedro Murias, o IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). A presentación do modelo eléctrico Porsche Taycan en Rinlo é unha das novidades deste ano. Iso será o venres pola noite en Rinlo. Este Fórum está dirixido a profesores e profesionais do mundo do motor e estudantes de Formación Profesional ou universitarios, así como a afeccionados ao mundo automobilístico.
O acto de inauguración será mañá ás 10:00 horas. No mesmo participarán o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, o responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, a responsable da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación luguesa, Mónica Freire, a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Pilar Fernández, e o alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso.
Charlas pola mañá, obradoiros polas tardes e tamén visitas a lugares de interese turístico da comarca conforman o programa do IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Arredor de 40 persoas asistirán a esta cita chegadas desde diferentes lugares de Galicia, de Madrid, Asturias, Toledo e León. Os conferenciantes proceden de Madrid, Vigo, A Coruña, Vitoria, Avilés e Murcia. Todos visitarán o Museo da Fábrica de Cerámica de Sargadelos, Finca Galea, Rinlo e realizarán un paseo en tren turístico pola vila de Ribadeo.