Foz, 26 de agosto, 2020. Este mércores nas dependencias do Colexio Martínez Otero, tivo lugar unha reunión da Directiva do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ co presidente da Federación de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o Vicepresidente da mesma, Jesús Vázquez.
O encontro, no que se trataron diversos temas de actualidade e de futuro inmediato do Club, enmarcouse dentro dun clima de enorme cordialidade e receptividade, por parte dos directivos da Federación, ante as propostas do club focego.
Ademais de falar de proxectos concretos, os directivos da Federación quixeron trasladarlle á directiva de Foz os seus parabéns polo traballo desenvolvido nestes primeiros catro anos de vida, dos que eran bos coñecedores. Na xornada de tarde, os directivos da Federación achegáronse a unha sesión de adestramento das categorías inferiores do Club, nas que se cumpriron todas as medidas hixiénicas pertinentes, para falar cos pícaros e animalos a que sigan practicando este fermoso deporte.
Desde a Directiva do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ queremos agradecer a visita á nosa vila do presidente da Federación de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o Vicepresidente da mesma, Jesús Vázquez, para coñecer, de primeira man, o noso traballo e os proxectos que a nosa entidade quere desenvolver a curto prazo.