O presidente de APAGA, Álvaro Doural, salientou que “estes son momentos difíciles, pero creo que debemos seguir coa actividade dentro das normas de seguridade e hixiene que debemos manter, por iso aproveito para dicir que sexamos respectuosos coas normas tratando de sentarse sempre no mesmo sitio, usando mascarilla e o xel hixienizante, etc… Penso que entre todos podemos conseguir que na semana non haxa ningún tipo de incidentes”.
Doural explicou que “no programa deste ano apóstase por un novo esquema de traballo. Foi unha proposta que fixeron unha serie de participantes do ano pasado. Hai quen di que as enquisas non valen para nada, pero penso que sempre é interesante ver as valoracións e o que a xente propón. Ás veces un se aferra a un determinado esquema e, despois de tantos anos, ao mellor non é o axeitado. Ademais especialmente na situación deste ano son interesantes as actividades lúdicas que se van facer”.
O presidente de APAGA quixo “dar as grazas a todos por estar aquí, comprendo que é un esforzo dado o momento especial que vivimos, pero debemos continuar como ben dixeron os participantes nesta sesión de inauguración, e seguir traballando pola Formación Profesional, que creo que é unha das xoias que temos neste país. Creo que está funcionando ben, e cada vez mellor, e que vai traer consigo un potencial de empregabilidade que é moi interesante nos tempos que corren”.
O programa do IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos inclúe diversas visitas a distintos lugares da Mariña como á fábrica de Sargadelos, á Finca Galea en Alfoz e un paseo en tren turístico pola vila de Ribadeo. Ademais o venres, ás 21:00 horas, terá lugar a presentación do modelo eléctrico Porsche Taycan na explanada do porto de Rinlo, onde rematará o Fórum cunha cea na Cofradía.
Charlas pola mañá, obradoiros polas tardes e tamén esas visitas a lugares de interese turístico da comarca conforman o programa do IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Arredor de 40 persoas asisten a esta cita chegadas desde diferentes lugares de Galicia, de Madrid, Asturias, Toledo e León. Os conferenciantes proceden de Madrid, Vigo, A Coruña, Vitoria, Avilés e Murcia.
No acto de inauguración, que tivo lugar esta mañá, participaron o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, o responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Pilar Fernández, e o alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso. Álvaro Doural, o presidente de Apaga, tivo palabras de agradecemento para todas as administracións presentes polo apoio para a celebración deste IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos.