Lugo, 26 de agosto de 2020. Esta semana o Goberno galego envía una nova partida de material aos centros sociais da Mariña de Lugo integrada por máis de 18.400 unidades de protección individual que se distribuirán entre unha vintena de residencias de maiores, de discapacidade, de menores e igualdade luguesas.
Así, este novo envío, o vixésimo segundo desde que comezou a pandemia e se declarou a crise sanitaria, suporá a distribución de 9500 luvas, 8.753 máscaras, varias batas e pantallas faciais, así como 72 botes de xel hidroalcoólico e 44 garrafas de desinfectante.
En Burela reciben estas achegas catro centros (a residencia de persoas maiores, a casa de familia e o centro de día San Anibal e o centro de acollida María Nazarena); en Cervo dous (as residencias de maiores e de enfermos mentais); en Foz tres (a residencia e centro de día municipal e o centro Aloumiño); en Lourenzá o centro de día; en Mondoñedo dous (a residencia San Rafael e o centro asistencial de San Pablo y San Lázaro); en Ribadeo tres (a residencia e o hospital asilo, así como o centro social); en Trabada a residencia, no Valadouro dúas (a residencia e as vivendas tuteladas), en Viveiro dúas (a residencia Betania e o centro Inmaculada Niña) e en Xove dúas máis (a residencia e os apartamentos tutelados San Rafael)
Con estas achegas o Goberno galego busca garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestas entidades de atención e coidado aos colectivos máis vulnerables ao coronavirus e reforzar a seguridade e apoio a estes centros para previr e reaccionar ante o virus.
Así, desde que se decretou o estado de alarma, a Xunta de Galicia leva distribuído 22 partidas de material integradas por preto de 1,6 millóns de unidades de material de protección individual a centros de titularidade pública e privada da provincia. Entre os beneficiarios atopamos todo tipo de instalacións desde residencias de maior ou menor tamaño ata centros de día, apartamentos tutelados, vivendas comunitarias ou centros de acollida, entre outros.