Nos sucesivos repartos, a Xunta subministrou equipos de protección a todas as residencias, centros de día, vivendas e apartamentos tutelados e institucións similares situadas na comarca da Mariña que figuran dados de alta no rexistro autonómico como prestadores destes servizos sociais.
En conxunto, leva facilitado 317.600 unidades de protección a todos os centros de maiores, menores, discapacidade, inclusión e similares da zona, tanto xestionados por administracións públicas -a propia Xunta, a Deputación Provincial ou concellos-, como por asociacións, fundacións e outras entidades sociais.
Esta nova entrega -que se realiza só unha semana despois de completar a anterior-, beneficia en concreto a 18 centros situados en Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.
Nesta ocasión distribúense 17.300 unidades de protección, entre elas 8.400 guantes, 8.700 máscaras e pantallas faciais, así como batas, garrafas de desinfectante e botes de xel hidroalcólico.
A Administración galega quere contribuír así á seguridade de traballadores e usuarios destes servizos, que son máis vulnerables ante a pandemia do coronavirus.