Site icon Crónica3.com A Mariña

A moción para un Viveiro ciclábel debaterase este martes

 Viveiro, 2 de agosto, 2020. A moción do BNG para un Viveiro ciclábel presentada á veciñanza xa hai mes e medio, debatirase no pleno desta vindeira terza feira día 4.

A concelleira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez aclara que “nesta moción o que teñen as propostas de ambiciosas téñenno de básicas e necesarias, calquer persoa que viaxara un mínimo puido constatar como todas as cidades que progresan están a apostar por este tipo de mobilidade que só trae beneficios. O que pretendemos é mellorar o rol da bicicleta en Viveiro, pois no BNG temos claro que é o camiño a seguir.”

A moción dos nacionalista contén puntos nos que se propón a creación de ciclorúas, dotar de aparcabicicletas os lugares públicos e de gran afluencia, permitir amarrar libremente as bicicletas e patíns en farolas e árbores sempre e cando non dificulte a mobilidade peonil, pintar zonas avanzadas de espera para ciclistas nos semáforos, crear unha comisión de seguemento e estudo co fin de seguir ampliando o rol da bicicleta e promover campañas de sensibilización e apoio ao medio ciclábel.

A portavoz do BNG ve moi positivo o punto de crear unha comisión de seguemento na que podan participar os colectivos que así o queiran, e aclara: “nesta comisión poderánse concretar tempos, datos económicos e investimentos, incluíndo o de crear un sistema de alugueiro de bicicletas municipal, implantar carrísbici ao longo do concello, aplicar medidas de seguranza, etc”.

Exit mobile version