A nova 21 burelista, con contrato na Mariña ata 2022, cumpre así unha das súas metas, que xa lle levaba roldando pola cabeza desde hai un par de anos: “Tiña ganas de volver, de saborear a liga española de novo e de poder ser profesional do que levo facendo toda a miña vida. Non hai lugar mellor para isto que neste equipo. Novos títulos polo que loitar e novos desafíos persoais por diante, que aínda que seguramente serán difíciles, son os que me motivarán para seguir aprendendo e gozando” así de ilusionada se amosaba Leticia.
“A liga española é moi forte, os equipos moi competitivos e creo que a fórmula dos play off vai axudar a que aínda sexa máis atractiva e emocionante, tanto para quen a xoga como para quen ve os partidos” analizaba así a nova cara burelista, que medrou no Valladolid FSF, a súa impresión sobre o futsal español nos últimos anos e sobre o camiño das Guerreiras: “Sempre que era posible, vía os partidos do Pescados Rubén Burela por internet. Espero que os equipos aposten por retransmitir os partidos para que se poida asistir ao espectáculo deste deporte en calquera lugar do mundo”.
“Son unha xogadora diferente á que se foi de aquí hai sete tempadas. vivín outras experiencias nun país diferente, con xogadoras, adestradores e equipos diferentes. Iso fai que a bagaxe sexa máis ampla e a experiencia maior. Espero estar ao meu máximo nivel o máis rápido posible e achegar o meu gran de area a nivel persoal e profesional para encarar esta ilusionante tempada logo dun momento moi duro para todos”, así volve a internacional ao seu país, con 2 Supercopas, 2 Copas e 1 Liga conquistadas en Italia.
Coa chegada de Leti, o Pescados Rubén Burela FS contará con 13 xogadoras para o traballo de pretempada, que arrincará mañá. A valisoletana súmase ás chegadas de Sandra Buzón, Elena Aragón e Cely Gayardo, nun proxecto que aposta polo bloque coa continuidade de Bea Mateos, Dany, Lara Balseiro, Ale de Paz, Jenny e Cristina, ademais de Jozi, Peque e Cami.