Como paso previo, o Concello de Mondoñedo convocou aos propietarios da parcela expropiada ao acto de pago de ocupación dunha parcela expropiada, unha vez fixado por mutuo acordo o xustiprezo da porción de 267 metros cadrados. O acto desenvolverase o vindeiro 19 de agosto na Casa do Concello.
A ampliación desta infraestrutura viaria de titularidade municipal que constitúe a vía máis directa de comunicación entre o núcleo urbano de Mondoñedo e a parroquia de Lindín conta cun orzamento de 38.065,56 euros que permitirá tamén mellorar o firme e a sinalización.
Trátase dunha infraestrutura que “será moi útil aos veciños e veciñas”, segundo sinalan dende o goberno municipal; porque “permitirá proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída dunha vía de alta capacidade (A-8)”.
O proxecto recolle o aumento do ancho da vía por ambas marxes ata o comezo do solo rústico ao tempo que se adapta á aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
As obras consistirán en:
-Roza e limpeza do terreo con retirada da terra vexetal
-Demolición do muro de contención e peche, dos pasos salvacunetas existentes, así como do pavimento que sexa necesario retirar para executar o novo paquete de firme
-Escavación por medios mecánicos para a retirada de terras tras o muro e xunto á calzada para a ampliación da caixa do firme e a cuneta
-Execución de gabia para aloxar a canalización do cableado
-Construción de muro de pedra
-Construción de pasos salvacunetas
-Execución de nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente
-Pintado de marcas da vía e recolocación dos sinais.