Santiago de Compostela, 9 de xullo 2020.- Tras suspender fai unha semana toda os actos presenciais de campaña na Mariña polo rebrote, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, participou nun mitin virtual dirixido á veciñanza desta comarca no que tamén participaron a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, o número dous, Daniel Castro, a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, e o deputado Nestor Rego.
Nese encontro telemático Pontón enviou palabras de afecto e de ánimo a todas as persoas contaxiadas polo virus, ás que están confinadas nas súas casas e ao conxunto da comarca, “nus momentos duros pero dos que sairá máis fortalecida”, destacou, tras subliñar a capacidade de “plantar cara á adversidade”.
Fronte á exemplaridade do pobo galego, a candidata do BNG contrapuxo a actitude do candidato do PP, entre a irresponsabilidade e a mentira, tentando minimizar o rebrote da COVID19 por puro interese electoral e sen importarlle que estea en xogo a saúde das persoas. Por iso, pediu “dar un golpe na mesa” o 12X “para dicir que A Mariña existe.
“Temos que deixar atrás esa irresponsabilidade e as mentiras do PP porque non podemos aceptalo como sociedade”, recalcou, “o domingo está en xogo o futuro desta comarca, pero no BNG temos alternativas para salvar a economía e o emprego na Mariña fronte ao inútil pim-pam-pum do PP desde a Xunta e do PSOE desde o Goberno do Estado”. Neste sentido, anunciou que se ten a confianza para ser a próxima presidenta, no primeiro consello da Xunta que se celebre aprobará o Plan A Mariña.
Un plan que incluirá dúas medidas: fixará a cantidade que aportaría a Xunta para a intervención de ALCOA-San Cibrao, de cara á nacionalización para salvar o emprego e a produción nun sector estratéxico e, a segunda medida, un plan de rescate do sector turístico que abarque tamén á hostalería. “Feixóo deixou caer A Mariña, pero o goberno que aspiro a liderar vaille dar futuro a esa comarca”, destacou no mitin virtual.
Pontón tamén foi moi clara no seu apoio á sanidade pública na Mariña, comprometéndose a reverter os recortes e as privatizacións na área sanitaria e dotala do persoal e dos medios necesarios para contar cunha sanidade de calidade.
“O 12 de xullo A Mariña ten que responder nas urnas, porque os que nós están mentindo, os que están tentando tapar a situación non poden saírse coa súa”, alegou, “é o momento de volver demostrar a dignidade dunha comarca farta de discriminacións, farta de ver como o seu futuro esta en perigo mentres nin o PP na Xunta nin o PSOE no Goberno do Estado fan nada”.
Por iso, recalcou, “deben ter nas urnas a resposta contundente que se merecen e, por iso, pido o apoio para o BNG porque somos a candidatura que ten un proxecto para erguer esta comarca, enchamos as urnas de votos BNG para pararlle os pés ás mentiras e ao esquecemento do PP, para darlle un futuro A Mariña e para facer historia confiando nas nosas propias forzas e poñendo por primeira vez unha muller na Presidencia”, concluíu.
O espírito forte e incombustible dunha comarca
A candidata por Lugo, Olalla Rodil, apelou ao espírito dunha comarca “forte, incombustible, como o que vimos estas semanas nas manifestacións polo futuro da produción de aluminio en San Cibrao” para chamar á mobilización o 12X.
“Se a pesar do brote e da situación que se está producindo na Mariña, o PP insiste en que votemos este domingo, temos que converter a xornada electoral nun acto de dignidade colectiva, nun berro e nun clamor masivo polos dereitos da comarca: polo dereito a unha área sanitaria propia e aos recursos necesarios para o Hospital Público da Mariña, polo dereito a unhas infraestruturas do século XXI e polo dereito a vivir e a traballar na casa”