Site icon Crónica3.com A Mariña

Patricia Otero reclama a Feijóo “que non agoche os datos dos positivos na Mariña, tras coñecer dous casos de profesionais sanitarios do centro de saúde de Burela”

Lugo, 10 de xullo de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e candidata ás eleccións autonómicas, Patricia Otero esixiu hoxe luz e taquígrafos ao Goberno do PP ante rebrote de coronavirus. “Que está ocultando o Goberno de Feijóo sobre os casos positivos de COVID na Mariña Lucense, por qué se agochan?”, preguntou. E insistiu “os Alcaldes Socialistas queren coñecer cantos casos positivos hai nos seus Concellos, e demandan información completa e non sesgada como ata agora”, dixo.

Otero fixo esta afirmación tras coñecer que hai dous casos positivos de profesionais sanitarios no centro de saúde de Burela, que nestes momentos xa se atopan en illamento. E a maiores hai outros dous casos que tamén están cumprindo o illamento xa que tiveron contacto con estes positivos. Advirte que poden aparecer moitos máis afectados, xa que os profesionais estiveron traballando no centro e tiveron relación con todo o persoal.

A dirixente socialista sinala ademais que “o centro de saúde de Burela pode incluso chegar a quedarse sen profesionais sanitarios, ante este rebrote, debido a incompetencia do Goberno de Feijóo”. Por iso lembra que “cando o Executivo Central era o responsable sanitario en Galicia, o Presidente Feijóo insistía en reclamar probas de PCR para todos os sanitarios, pero agora que ten o mando non se lembra das súas propias esixencias”.
Tal e como sinalan as recomendacións sanitarias “son necesarios circuitos duais separados tanto no centro de saúde, como no hospital, para atender aos doentes. É dicir, que os sospeitosos de COVID non estean en contacto con outros. E confío, polo ben de todos, que estas medidas xa se estean executando”.
Feijóo está desaparecido da Mariña
A cabeza de lista ás eleccións autonómicas remarcou que as políticas de recortes en sanidade “son a irresponsabilidade dun PP que non está á altura de xestionar esta crise do rebrote do coronavirus na Mariña”. Dixo que “Feijóo está desaparecido da Mariña, logo de demostrar a súa irresponsabilidade cando pediu levantar o Estado de Alarma. Por iso a mellor forma de falar da reconstrución de Galicia é poñer á fronte da Sanidade a quen priorice o dereito á saúde de todos da man de Gonzalo Caballero”, resumiu.

Exit mobile version