Meira, 19 de xullo de 2020.- O voceiro do Grupo Municipal do PP de Meira, Carlos Veiga, amosa a súa preocupación sobre o funcionamento do servizo de axuda a domicilio no municipio; así coma da situación das traballadoras tras coñecer nos últimos días un caso de suposta explotación laboral por parte de dúas mulleres a traballadoras inmigrantes en situación irregular relacionadas coa empresa adxudicataria do servizo de axuda no fogar no municipio. O popular esixe explicacións ao alcalde porque “o Concello é o encargado da contratación, adxudicación e xestión” da prestación deste servizo.
Os populares de Meira queren ser prudentes ante esta cuestión porque “é a xustiza a que debe aclarar o caso”; pero sosteñen que “o goberno socialista de Meira debe explicar aos veciños e veciñas e, polo tanto, aos grupo municipais, todo o relacionado co caso”.
Nese sentido, esixen ao goberno local “a máxima transparencia sobre este asunto; especialmente neste momento no que os servizos sociais deben ser fortalecidos para prestar uns servizos de calidade aos usuarios e usuarias”. Ante “unha noticia deste calibre, o alcalde debe explicacións sobre o que conleva esta situación”, conclúe Veiga.