Lourenzá, 10 de xullo de 2020. O restaurante O Forno de Tovar, no municipio de Lourenzá, reabriu as súas instalacións, adaptadas á nova normativa pola pandemia de coronavirus, e faino organizando unhas xornadas gastronómicas dedicadas ao cordeiro de raza ovella galega, concretamente da gandería Explotacións Gandeiras Soli, de Alfoz.
O xerente e xefe de cociña de O Forno de Tovar, Jorge López, coñecido como O Vilelo, destaca que o local “está acondicionado tendo en conta a situación actual: coas mesas máis separadas no interior e con varios espazos diferentes para comer ao aire libre, nos que aínda hai máis distanciamento”.
Jorge López tamén explica que nas xornadas “poderase degustar cordeiro galego asado tradicionalmente en forno de pedra por cuartos, para un mínimo de 2 comensais”. Pero tamén ofrece os pratos da súa carta habitual, como cochinillo, bacallau, cordeiro castelán, entre outros, ademais de sobremesas caseiras como as chulas en leite de canela.
O Forno de Tovar abre de mércores a domingo para comidas e os venres e sábados tamén serve ceas. Debido á situación actual é imprescindible reservar con antelación.
O restaurante O Forno de Tovar está no Pazo de Tovar, en Pacio número 2, Santo Tomé (Lourenzá). O teléfono para reservas é o 619.652.545.