Lugo, 8 de xullo de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co Concello de Viveiro e coa Xunta de Galicia para a redacción do proxecto que sirva de base para o acondicionamento do río Fontecoba, no barrio de Xunqueira, co fin de reducir os riscos de inundacións tras a grave riada de finais do 2018. José Tomé firmou o acordo este mércores, tras recibilo onte da Xunta de Galicia.
A institución provincial destina para elaboración do proxecto 23.000€, repartidos en 3.000€ para a anualidade do 2020 e de 20.000€ para a do 2021-, ao igual que as outras dúas institucións-, o que suma un total de 69.000€.
O proxecto contemplará un conxunto de actuacións que pasan, entre outras, polo aumento e naturalización do leito do río, construción dunha pasarela de acceso alternativa, reforzar as cimentacións que foron danadas, ampliación das de dúas pontes, fonte, eliminación de edificios e ruínas pegadas ao leito do río e reubicación do lavadoiro.
O Presidente subliña que o apoio económico a estas actuacións responde ao compromiso da Deputación de Lugo coa lealdade institucional e coa colaboración entre administracións públicas para sacar adiante actuacións en beneficio dos veciños e veciñas, “sobre todo cando estamos falando de seguridade, e ata da vida das persoas”.
José Tomé considera esta actuacións prioritarias e subliña a importancia de axilizalas o máximo posible. “Tras o grave episodio de inundacións de novembro de 2018, no que faleceu unha veciña deste barrio viveirense, non podemos permitir que esta situación se repita e, por iso, debemos actuar dende a máxima lealdade institucional e dende a responsabilidade”.
Cemiterio de Altamira
Ademais desta colaboración, a Deputación ten aprobado un investimento de máis de 113.000€ para a redacción do proxecto e a execución das obras para arranxar as graves deficiencias que provocou a riada do 2018 no cemiterio municipal de Altamira. A institución provincial ofreceu unha resposta rápida á petición do Concello de Viveiro para arranxar as patoloxías e deficiencias estruturais producidas no muro de contención sur do recinto.
Os investimentos comprometidos pola Deputación ascenden a 113.175,21€, dos que 16.940 corresponden á cooperación na redacción do proxecto e 96.235,21 ás obras.