A iniciativa que xa está na súa fase de arranque, coa posta en marcha da preparación das actuacións que se van desenvolver, vai destinada a mozos e mozas dos 16 aos 30 anos que pertenzan a algún dos 50 concellos que conforman os territorios dos cinco GALP. No caso do Mariña Ortegal, o territorio abrangue os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.
O proxecto desenvolverase en dúas edicións de catro meses cada unha (a primeira de setembro a decembro de 2020 e a segunda de xaneiro a abril de 2021) e contará con 30 prazas en cada un dos territorios, que serán cubertas por orde de inscrición e atendendo a un reparto homoxéneo nos concellos do territorio.
Non é preciso contar nin con titulación vinculada ao sector pesqueiro nin con experiencia previa no mesmo.
O equipo docente estará formado por profesionais do eido das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais que desenvolverán un programa formativo centrado no coñecemento do sector e na titorización persoal de cada alumno e alumna.
As sesións impartiranse, un máximo de dúas veces por semana, a través de seminarios formativos, titorías, saídas de campo, encontros con mozos e mozas con experiencia e encontros con profesionais do sector.
Para o remate do proxecto e modo de incentivo para aquel alumnado que tivese participado activamente no proxecto e cumprido os requisitos formativos haberá unha visita de estudo nacional ao País Vasco á Escola de Formación de Carpintería de Ribeira “Albaola”.
Reunións informativas
O GALP leva días visitando un a un os concellos e confrarías de pescadores do territorio a fin de facelos partícipes activos da difusión e promoción do proxecto e na busca e captación de destinatarios. Visitáronse xa os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño e todas as confrarías do territorio teñen tamén a información do proxecto.
As reunións seguirán nos vindeiros días e semanas para achegar a información a persoas interesadas e coordinar a difusión do proxecto coas entidades colaboradoras a fin de fomentar a captación de alumnado.
Solicitude de información
Para informarse sobre o proxecto, está habilitada a dirección de email info@relevo2020.org e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición que quedará habilitado esta mesma semana.
As persoas que así o desexen tamén poden informarse na oficina do GALP, na súa sede en Viveiro e seguir as novas a través das redes sociais Instagram e Facebook buscando por Relevo2020.