Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publicou o día 10 deste mes o proceso selectivo para cubrir dúas prazas de policías locais en Foz

 Foz, 29 de xullo de 2020. O Diario Oficial de Galicia publicou o día 10 dete mes o proceso selectivo para cubrir dúas prazas de policías locais en Foz. Anunciouno hoxe o alcalde, Fran Cajoto, en resposta ás críticas do PP pola situación da Policía Local.
O rexedor municipal explica: “debemos empezar a falar de cousas serias. En Foz gústannos a todos os cantos de taberna, pero non é de recibo nos representantes públicos. Ante a información vertida aos medios polo portavoz do Partido Popular sobre a inacción do goberno para a incorporación de policías debo aclarar que cómpre ler o DOG de cando en vez. No Diario Oficial de Galicia do venres 10 de xullo de 2020 publícase o proceso selectivo para o acceso e ingreso nos corpos da Policía Local de Galicia, no que se inclúen as dúas prazas que solicitou Foz. Se o señor portavoz do PP está requirindo a este goberno que se inicie un proceso de selección, non procede xa que está máis que iniciado”.
Fran Cajoto engade que “unha das principais tarefas da oposición é fiscalizar as labores de goberno, pero non botar acusacións falsas e sen fundamento. Recentemente o señor portavoz do PP acusounos nos medios de desbrozar unha estrada da Deputación cando se estaba a limpar un camiño municipal. Hai que ser serios tamén co que ten a responsabilidade de gobernar, responsabilidade que decidiron os veciños do noso pobo”.
Ademais o alcalde recorda que “no plenario de febreiro de 2019 o grupo municipal do PSdeG-PSOE insta ao anterior equipo de goberno a convocar unha oferta de emprego público urxente para as prazas vacantes por xubilación da policía local e delegar na Xunta de Galicia o proceso selectivo. O anterior alcalde pese a votar a favor no plenario desobedece o mandato da corporación e inicia o proceso de selección desde o Concello dunha praza polo procedemento de mobilidade. O 26 de setembro de 2019 o novo equipo de goberno aproba en pleno o convenio para a asunción pola Comunidade Autónoma de Galicia do proceso selectivo dos policías locais. O 18 de outubro do ano 2019 toma posesión na convocatoria polo procedemento de mobilidade un axente de policía, o cal finalmente, por incompatibilidade, non exerce no Concello de Foz. Ante a vacante sen cubrir e unha próxima xubilación, o novo equipo de goberno solicita dúas prazas polo procedemento libre e voluntario grazas ao convenio asinado, no cal a Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP) examina e forma a novos policías. O Concello de Foz incrementou a oferta a dúas prazas para prever a xubilación dun novo axente, que finalmente se produciu, e remitiu a solicitude pertinente para que a selección se fixera neste ano 2020. O DOG do 10 de xullo de 2020 inclúe as dúas prazas de policía solicitadas polo Concello de Foz na convocatoria que publica Vicepresidencia da Xunta e que realiza a través da AGASP”.
Cajoto remata comentando que “o actual goberno ten que sufrir a falta de previsión e as malas decisións adoptadas polo anterior mandatario, non nos queda outra. Si que espero que se abandonen as descualificacións e que a crítica sexa con feitos, fundamentada, con realidades. Tamén espero maior colaboración da oposición para que Foz avance nunha situación tan difícil como a que nos tocou vivir este ano, colaboración que pedín no momento de traspaso de poderes e que xa me negou naquel momento”.

Exit mobile version