Estas achegas concedéronse aos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Burela. Os concellos poden optar a distintas liñas de axuda compatibles entre si. Tres delas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e inclúen o apoio a catro programas dirixidos ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e ao funcionamento dos CIM.
A cuarta liña destinada a accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres enmarcase no desenvolvemento en Galicia das medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Na Mariña a maior contía corresponde ao financiamento dos catro CIM, que reciben apoios por importe global de 191.200 euros e atenden en total a 13 municipios da zona. Así, o CIM de Mondoñedo tamén presta servizo á poboación de Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto; o de Ribadeo aos veciños e veciñas de Barreiros, A Pontenova e Trabada; o de Burela aos de Alfoz e O Valadouro, e por último o de Viveiro actúa no seu termo municipal.
Estas axudas financian a contratación para cubrir postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Pola súa banda, para desenvolver as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres postas en marcha no marco do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, contarán coa axuda desta orde os concellos de Alfoz, Barreiros, Xove, Mondoñedo, Ribadeo e Trabada. Os apoios suman 30.700 euros.
Por último, os concellos de Alfoz, Cervo, Mondoñedo e O Valadouro obteñen en total 47.000 euros en axudas para a realización de iniciativas que permiten fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas que aposten pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar.