O alcalde, Alfredo Llano, contou que “tivemos unha reunión cos responsables da asociación Ledicia, con Rocío que é a presidenta, para estudar o que se fai facer este ano con respecto á Feira do Bonito. Evidentemente a feira como se viña coñecendo e como se veu celebrando os últimos anos é imposible de realizar derivado das esixencias protocolarias para ter baixo control o coronavirus. Polo tanto a Feira tal como se viña celebrando anulouse ao igual que Produart”.
O rexedor anunciou que “o mércores imos ter outra reunión para decidir que eventos e actividades imos realizar porque queremos facer algo aínda que sexa nada máis por honrar aos mariñeiros que están agora mesmo dedicados á pesca, a todos eles, incluso aos que pesquen outro peixe diferente ao bonito. Queremos tamén dar unha importancia fundamental á pesquería e ao bonito como especie que sempre nos tratou ben ao noso concello”.
Llano dixo que “o que se vai realizar seguro é o izado da bandeira azul no barco museo, será o primeiro sábado de mes que este ano coincide o día 1 de agosto, supoño sobre a unha e media. Acompañaremos o acto cunha peza musical. Tamén estudaremos algunha outra actividade sobre o bonito. Esas medidas tomarémolas o mércores, xunto a Ledicia, para que se note que debéramos estar celebrando a Feira do Bonito, algo tan importante para Burela, para A Mariña e para a provincia de Lugo”.