No BNG cuestionan o resultado das urnas sempre que non é o que eles esperan. A indixestión é agora maior porque pese a recuperar parte dos votos dos que fuxiron ás Mareas de Podemos e dos descontentos do PSOE, produciulles gran frustración que os cidadáns, nun exercicio libre e democrático, volvan a confiar no PP como forza máis votada, tamén na Mariña, e a encargada de formar goberno en Galicia con maioría absoluta.
Poñer en dúbida a democracia cando os resultados non son favorables é un exercicio perigoso no que insisten os dirixentes nacionalistas da Mariña. Por moitas campañas de branqueamento e propaganda que fagan, o BNG segue a ser esa formación política rupturista en mans dos radicais da UPG, os socios galegos de Bildu, disfrazados de cordeiros.
O que non asimila o nacionalismo galego e que na Mariña a campaña de intoxicacións e noticias falsas que practican non acaba de dar o seu froito. Mentían cando falaban do falso peche do hospital, que en realidade é hoxe máis amplo e con novos servizos. Mentían cando condicionaban o seu apoio aos gobernos do PSOE en Madrid a cambio de abrir ao tráfico comercial o dique de Morás ou prometían salvar Alcoa facendo presidente ao liquidador Pedro Sánchez. E volven a mentir agora, cuestionando a xestión do rebrote de coronavirus, despois de ver os seus alcaldes pasearse polas radios e televisións nacionais asegurando que a Xunta buscaba unha carnicería por manter as eleccións ou intentaban asustar a persoas maiores e visitantes e botalos da comarca, co consecuente impacto no turismo, comercio e hostalaría da Mariña.
Hoxe, en vez de promover un cambio de actitude, máis construtiva, para traballar en positivo por mellorar A Mariña, os seus dirixentes locais persisten na radicalidade e nos habituais análises desnortados. Hai incluso quen asegura que o PP convértese nunha formación política residual. Curioso argumento tras acadar o 48% dos votos, case 20 puntos por riba do BNG. Se extrapolamos os resultados o PP ten maioría absoluta nunha comarca que ademais volve a tinguirse de azul, tras ganar os populares en todos os concellos, sen excepción. Pola contra, o BNG perdeu incluso en Ribadeo e Barreiros –localidade esta última da voceira local dos nacionalistas-, onde pese a contar coa alcaldía resultaron derrotados.
Podo comprender que o nacionalismo viu frustradas as súas expectativas, pero sería bo certa autocrítica e facerse mirar ese caso agudo de mala resaca electoral que sofren. Pese ao esforzo do BNG, a veciñanza da Mariña non se deixou enganar, e nos resultados das eleccións ten o nacionalismo a súa máis cruel penitencia.