Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común recurre ante á Xunta Electoral Central para que se adopten de inmediato as medidas que garantan o dereito ao voto na Mariña

 Compostela, 8 de xullo. Galicia en Común-Anova Mareas ven de presentar hoxe un recurso para urxir á Xunta Electoral Central a que adopte no inmediato todas as medidas precisas para garantir o dereito ao voto da veciñanza confinada na Mariña de Lugo con plenas garantías democráticas e sanitarias.

A coalición ven de rexistrar hoxe un contundente recurso de alzada ante a XEC contra a resolución da Xunta Electoral de Galicia, que resolveu recentemente que esta cuestión non era da súa competencia e se inhibía na adopción de medidas. Galicia en Común recurre agora ante a Xunta Electoral Central para que tome as medidas oportunas para garantir o exercicio da democracia na Mariña, onde 14 concellos fican confinados desde as 00:00 horas do luns 6 por un rebrote da Covid que supera o cento de casos activos diagnósticados.

O escrito, rexistrado este mércores 8, apremia a XEC á que estableza “a adopción de medidas urxentes para garantir o efectivo exercicio do dereito de sufraxio activo o próximo día 12 de xullo de 2020, xornada electoral en Galicia, dos cidadáns e cidadás afectadas polo confinamento na comarca natural da Mariña lucense”.

A coalición refire no recurso que a Xunta de Galicia adoptou esta medida “totalmente insuficiente e unicamente por un período de 5 días, devindo ineficaz e inútil xa que o período de incubación oscila os 14 días”, e advirten da “falla de previsión e protocolos” por parte do Goberno de Núñez Feijóo para enfrontar este rebrotes.

“Parece evidente que a medida está feita, non en virtude de criterios médicos, se non na medida dos intereses electorais do actual presidente, Alberto Ñúñez Feijóo, para ocultar a súa deficiente xestión da convocatoria electoral en relación que crise da Covid-19”, refire o recurso de Galicia en Común-Anova Mareas.

Cuestionase, ademais, a decisión unilateral e sen o consenso co resto de forzas políticas do candidato do PP, Feijóo de reanudar e convocar o proceso electoral en plena pandemia para o domingo 12 de xullo “sen as garantías de que non se producirían rebrotes”.

“Limita a extensión da medida a un prazo que permita que o domingo se celebren as eleccións en toda Galicia, sen ter en conta os riscos que poida supoñer para a saúde dos veciños da Mariña que teñan o deber de abrir os colexios e formar as mesas electorais, así como a de todos aqueles que queiran lexitimamente exercer o seu dereito ao voto”, denuncia a coalición.

O recurso remata coa petición urxente de que “se adopten con carácter inmediato as medidas legais oportunas para que toda a veciñanza de A Mariña poida exercer con totais garantías sanitarias o seu dereito fundamental ao voto nas eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro domingo 12 de xullo”.

Exit mobile version