Burela, 20 de xullo de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou o descenso de casos positivos de coronavirus na localidade. A día de hoxe son 53 e o rexedor agarda que as restricións de mobilidade se poidan levantar o vindeiro xoves, de xeito que A Mariña se incorpore canto antes á nova normalidade.
Alfredo Llano pensa que “esta evolución é froito de como se están facendo as cousas, o ben que se están levando desde o Hospital e tamén desde o Concello, que está tratando de colaborar en todo aquilo que se lle pide para que a situación mellore, en todos os aspectos, pero sobre todo neste brote de coronavirus que levamos tendo desde xuño e en xullo”.
O alcalde burelés contou que “hoxe se ven confirmar a tendencia que imos tendo os últimos días, temos 53 casos positivos en Burela, en toda A Mariña hai 86, polo tanto se reduciu bastante con respecto aos que tiñamos antonte. Teño que dicir que dalgunha maneira se está notando que se están facendo as cousas ben, que se están levando con rigor que é como debe ser. É certo que está afectando moitísimo á situación socioeconómica, pero tamén hai que ver en positivo que a xente está tomando conciencia e que se está comportando dunha maneira axeitada. Si seguimos así penso que sairemos con certo éxito, posto que damos a confianza de que se está afrontando a situación con moito rigor e moita seriedade. Isto é algo que vai afectar, está afectando e afectará no futuro, pero se facemos ben as cousas penso que esa confianza vai ser fundamental para que a xente veña por aquí, entre nosoutros tamén aportemos o mellor de nós, facer de Burela un concello seguro, que dea confianza para ter xente e seguir avanzando na situación socioeconómica, que boa falta nos fai”.
O rexedor engadiu: “agora hai que agardar ata o mércores, xornada na que se tomará unha decisión a través do comité clínico, que é o que vai decidir en base aos datos que imos tendo, e tomará unha decisión con respecto ao confinamento e ás medidas que estamos tendo agora mesmo. Eu confío en que o mércores, se isto segue así, teñamos unha boa noticia para Burela e para A Mariña en xeral. Espero que recuperemos toda a normalidade que había antes de que se tomaran estas medidas do confinamento. Evidentemente hai que ter en conta a experiencia que estamos tendo estes días para garantir que isto siga así durante moito tempo, que vaian desaparecendo os brotes e que vaia desaparecendo a presenza do virus, iso sería fundamental pero temos que ter todos unha corresponsabilidade como estamos tendo. O mércores tomarase a decisión e espero que Burela tamén se incorpore á normalidade para que se vaia recuperando a situación, dar a confianza que necesitamos para que a xente acuda e entre todos comportarnos de tal maneira que esa confianza se traduza nunha convivencia total porque se están facendo as cousas ben, e espero que sigamos así”.