“Trátase dunha achega de 40.000 euros para a asociación de comerciantes dirixida a apoiar as actividades que realiza o colectivo ao longo do ano a favor do comercio e, polo tanto, a favor da dinamización económica de Ribadeo”. E, no mesmo sentido, “a Praza de Abastos verase beneficiada dunha axuda de 9.600 euros”, dixo.
“Nesta comisión falamos moito dos apoios e investimentos do Goberno galego ao tecido empresarial e comercial, pero moi pouco sobre os do goberno local”, explicou Vega. Isto débese, segundo o popular, a que “o goberno do BNG ribadense sigue cobrando os impostos da auga, lixo, IBI, impostos de actividades económicas, etc”. De feito, “a primeira e única decisión que tomou o alcalde tralo estado de alarma foi a recuperación do cobro de impostos e o anuncio dunha nova normativa que afectará ás terrazas porque a administración local cobrará pola ocupación do espazo público”.
O Grupo Municipal Popular xa ten manifestado o seu rexeitamento a esta decisión unilateral e reiterado a súa petición de non cobrar este tipo de taxas e impostos municipais nin no ano 2020 nin ano 2021. Os populares defenden unha inxección económica tal e como recollían no Plan Reactiva Ribadeo que teñen proposto formalmente ante o Pleno e que contou co rexeitamento do equipo de goberno do BNG.
PLAN REACTIVA RIBADEO
Vega insiste en que “o Plan Reactiva Ribadeo ten que ser unha realidade” e, polo tanto, explica que “volvemos presentar para o vindeiro pleno iniciativas coas que, ademais de pedir a supresión temporal do cobro de taxas e impostos municipais; se dote ao plan de recuperación dun millón de euros”. O voceiro do Grupo Municipal Popular explicou que “esa dotación procedería do Fondo de Cooperación Local da Xunta, o Plan Único da Deputación, da recadación dos impostos e tamén do orzamento que estaba previsto destinar para festas e outros eventos”.
Mentres que “outros concellos xa puxeron en marcha distintas iniciativas coas que destinar cartos para contribuír a reactivar a economía local; nin o alcalde nin o concelleiro de Economía de Ribadeo falaron de poñer orzamento enriba da mesa. Moito pedir á Xunta e pouco propoñer dende o goberno local”, lamentou.
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo criticou, así mesmo, que “pidan eliminar actividades nos vindeiros días”; pero que a súa aportación ante esta situación sexa “cobrar taxas e impostos -en lugar de suprimilos de forma temporal-; ademais de non falar nunca de poñer diñeiro público para reactivar a nosa economía”
Vega pide tranquilidade e responsabilidade ante estes momentos tan complexos e asegura que “seguiremos traballando dende o Grupo Municipal Popular para favorecer todo o noso tecido económico local”, concluíu.