Viveiro, 8 de xullo. Este mércores en Viveiro a CIG-Ensino convocou unha concentración esixindo que a Consellaría negocie coas Organización Sindicais as condicións para o inicio dun curso escolar con todas as garantías sanitarias para a comunidade educativa.
A menos de tres meses do inicio de curso descoñecemos as tomas de decisións que garantan un desenvolvemento da actividade escolar seguro.
Desde a CIG-Ensino demandamos a negociación dun Plan de medidas sanitarias, laborais e educativas que inclúan reforzar o cadro de persoal para garantir unha redución das ratios que garantan a seguridade e unha óptima atención educativa e coordinación do profesorado.
Nestes momentos, a parálise da Consellaría de Educación é unha excepción no marco estatal, despois de que a maior parte das comunidades comezaran as negociacións para un comezo de curso que ten que poder prepararse coa suficiente antelación por parte da administración, das equipas directivas e do profesorado en xeral. Nestes momentos a comunidade educativa e as familias están pendentes e preocupadas ante unha parálise que entendemos que responde exclusivamente a tácticas electorais. Pero o ensino público galego precisa tranquilidade, rigor e planificación.