Lugo, a 20 de xullo 2020. O Partido Popular de Foz considera que é imposible apoiar uns orzamentos con tantas contradicións e incumprimentos electorais dos dous partidos que forman o goberno e que son pouco comprometidos coa veciñanza e o tecido económico para saír da actual crise.
O Voceiro Popular, Javier Castiñeira, recorda cando o Sr Cajoto o criticaba por levar os orzamentos en Marzo, “chama a atención que agora co dobre de concelleiros e cunha dedicación exclusiva na concellería de facenda os traian en xullo”.
Ademais Castiñeira tilda estes orzamentos de “huraños e esquivos” que fuxiron do diálogo social e se presentaron pola porta de atrás sen mediar nin unha soa xunta de portavoces polo medio como se facía antes e omitindo o proceso participativo de veciños e asociacións que prometeron nas eleccións pasadas.
“Parécenos moi grave, que nos orzamentos non exista nin un so guiño ao tecido produtivo e empresarial focense, negan a rebaixa de impostos que prometeu o Psoe cando estaba na oposición e non contemplan un plan de axudas a pymes e autónomos focenses afectados pola crise como teñen outros concellos”.
Prosegue Castiñeira, “o colmo das contradicións e a subida respecto ao ano pasado das partidas para contratacións de empresas externas de servizos municipais e que tanto lle molestaban a Psoe e Bng. Suben concretamente as contratacións en capítulos coma a recollida de lixo, traballos no verán, cultura e deportes, turismo ou arranxo de camiños veciñais que socialistas e nacionalistas sempre suxerían facer directamente con persoal do Concello”.
“Chama tamén poderosamente a atención; a non ser que se trate de un erro de “copia pega” do ano pasado, que manteñan nos ingresos o cobro de 500.000 € polo canon de contratación da nova concesión do servizo de augas, saneamento e depuración cando ambos apostaban pola municipalización. E o que é peor,consideramos que é totalmente irreal posto que estando a piques de comezar o mes de agosto é practicamente imposible que poda ser cobrado este ano xa que eles mesmos paralizaron o proceso iniciado polo anterior goberno”.
En definitiva remata Castiñeira “temos un goberno que se contradí cada vez que fala, máis caro e menos cumpridor que o anterior e que se aproveita da folgada maioría para evitar o diálogo político e social que reinou nos últimos anos onde en maior ou menor medida sempre se negociaron nos orzamentos as propostas e suxerencias dos grupos da oposición”.