Site icon Crónica3.com A Mariña

Carla García López, gañadora do concurso Polos nosos negocios convocado por Acisa, recolleu o seu premio este xoves

 Ribadeo, 9 de xullo de 2020. A gañadora do concurso Polos nosos negocios, convocado por Acisa, recolleu hoxe o seu premio. Carla García López, de 9 anos e natural de Ribadeo, levou 300 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados. Fíxolle a entrega do seu agasallo o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte Quintana.
Acisa convocou o concurso Polos nosos negocios en pleno estado de alarma pola pandemia do Covid-19 co obxectivo de amosar o apoio dos ribadenses ao comercio e á hostalería locais.
Desde a directiva de Acisa lembraron que “do que se trataba era de deseñar un cartel e un slogan que animasen á xente a facer as súas compras no comercio da vila e a consumir na hostalería local, despois de varios meses de peche obrigado ocasionado pola chegada da pandemia do Covid-19”.
Foron unha ducia os traballos presentados por nenos e adultos nos que empregaron diferentes técnicas de deseño e apostaron por diferentes lemas. A xunta directiva de Acisa analizounos e realizou unha votación da que saíu elixido o cartel e o slogan de Carla García López. No debuxo, moi colorido, podíase ver a dúas persoas camiñando por unha rúa de Ribadeo dirixíndose a mercar a un comercio. O slogan do cartel é o seguinte Merca no teu comercio e fai medrar o teu pobo… aínda que chova.
Acisa establecía dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan. Nas bases considerábase a posibilidade de que o slogan e a imaxe se puidesen escoller por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar o caso de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Deste xeito o gañadora recibiu 300 euros en vales de compra, porque presentou o mellor cartel e o mellor slogan. Desde Acisa subliñan que “Carla García reflectiu perfectamente no seu cartel e no seu slogan o apoio que demandamos naquel momento para o sector empresarial ribadense e que hoxe, por desgraza, segue moi vixente”.

Exit mobile version