Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “12-X (I): o fracaso de Galicia en Común”, por Xoán Antón Pérez Lema

Principiamos esta xeira de análises sobre as pasadas eleccións nacionais do 12-X enxergando o grave fracaso de Galicia en Común-Anova-Marea. Porque o afundimento dos comúns é unha das conclusións ben rechamantes da xornada electoral . O partido En Marea (que este día partillou a coalición Marea Galeguista acadando só o 0,22% dos votos) integraba no verán de 2016 tamén este espazo, malia os malfadados ataques do Podemos de Echenique e Pablo Iglesias para hexemonizar un proxecto no que nunca acreditaron. Despois viñeron acontecementos tan negativos como o espectáculo de Luca Chao primeiro e a indigna argallada da ministra Yolanda Díaz e do desubicado Gómez-Reino despois ao lle impor á representación parlamentaria estatal de En Marea o voto a prol dos peores Orzamentos estatais para Galicia dende a época de Aznar. Aquí naceu o mito da deputada Alexandra Fernández, ao votar en contra desta arbitrariedade. A xove viguesa é hoxe deputada electa do BNG, tracexando o percorrido que o 12-X reproduciron ducias de milleiros de persoas electoras.

Os comúns afundíronse co 3.93% de votos fronte ao 19,07% obtido polo espazo mareante no 2016. Máis de 50.000 votos guindados ao cubo do lixo da historia absolutamente improdutivos. A ministra Yolanda Díaz non é quen de quitar un deputado nas eleccións nacionais do seu País. Xosé Manuel Beiras pecha o ciclo de AGE escrebindo un cero no taboleiro das marcas. Un acontecemento quizais radical, mais concorde cos efectos producidos polos erros duns e doutros actores do espazo mareante..

Como é posíbel que o ciclo dos 9 deputados da AGE das eleccións nacionais de 2012, dos 14 de En Marea nas mesmas eleccións de 2016, das alcaldías coruñesa, compostelá e ferrolá das locais de 2015 e dos seis deputados ao Congreso nas estatais de decembro de 2015 e os 5 das mesmas eleccións de xuño de 2016 remataran deste xeito? É só un problema nado das agresións unionistas de Podemos contra un espazo que obtivo grande parte do seu éxito do seu expreso recoñecemento do dereito a decidir de Galicia? Non, tamén influiu a deficiente gobernanza local, o desleixo dos seus dirixentes a respecto dos principais problemas do día a día do País e das persoas das súas clases medias e traballadoras, o seu adanismo e a súa falla de conexión coa realidade. Non souberon porse no centro do seu electorado e atenderon andrómenas exóticas como o veganismo ou o decrecionismo no canto de analisar e tentar resolver os verdadeiros problemas reais da xente do común nas nosas cidades e no noso País.

E, ultimamente, pensaron que os problemas da nosa xente resolvíanse desde Madrid. Velaí que cometeran erros definitivos e nunca desculpábeis, polo que o ditame dos votos galegos sexa xa irreversíbel.

Exit mobile version