Visto o éxito da clásica comunicación epistolar á hora de dirixirse a dirixentes do Partido Popular, non quero desaproveitar a oportunidade de calmarlles por escrito a preocupación que amosan sobre a saúde estomacal do BNG a raíz das eleccións galegas do domingo.
Non temos nin tivemos indixestión de ningún tipo, obrigadas pola preocupación; pois estamos afeitas nesta organización a saber dixerir resultados electorais perfectamente e, sobre todo, porque ao día seguinte todo estaba igual. Non sabemos se os seus mandatarios nesta comarca o levan tan ben, á vista das actitudes dos últimos tempos e o recurso ao manido argumentario de tópicos de ataque cando se carece de razonamentos.
Sen ánimo de dar consellos, que a experiencia é un grado, pero nesta comarca temos que controlar as emocións, porque como teñamos que acudir a ese hospital “máis amplo e con mellores servizos” que di o señor Balseiro e seguidores para mirar o corazón teremos que agardar ata un ano para que nos realicen a proba de esforzo e comprobar o funcionamento. Xa non falemos se teñen que poñernos un marcapasos ou cambiarlle as pilas, porque nos enviarán directas a Lugo, igual que para calquera tipo de intervención de cirurxía vascular.
Se nos cadra ben, poderán mirarnos na resonancia móbil que ía substituírse por unha fixa cando houbera espazo, pero que quedou en intención nese hospital “máis amplo”. En intencións teñen que quedar tamén, se nos deixamos levar polos “máis e mellores servizos”, as ganas de fomentar a natalidade nesta comarca, pois xa hai que escoller ben a hora do parto para que te atenda persoal técnico en coidados auxiliares, limitado a horario de mañá; e ser quen de que non se adiante o parto, pois se non, como á antiga usanza, os novos mariñaos prematuros nacerán en Lugo. E ollo con que a picaraxada enferme, pois os servizos de pediatría nos centros de saúde que existen son estilo Guadiana e a atención pediátrica en urxencias é dogma de fe.
Así que, amigos populares, coiden ben da súa saúde; que grazas a que a veciñanza de Cervo lles paralizou a intención de pechar o consultorio desa localidade tras a amortización dunha praza facultativa a sumar ás que se fixeron no resto da comarca, aínda poden atendelos no seu concello. Iso si: non abusen da inxesta de líquido, que se o seu sistema urinario non funciona correctamente este verán, deberán solucionalo telefonicamente, xa que o SERGAS decidiu que este verán non era precisa atención presencial na Mariña. Tampouco para os visitantes que tanto os preocupan hai persoal facultativo para persoas desprazadas, con unha chamada telefónica tamén “solucionan”.
E sigan vostedes tirando de tópicos e vanagloriándose das súas xestións, que na Mariña seguimos agardando a que os seus dez representantes galegos no Congreso, mesmo o da comarca, sirvan para algo estando na oposición e, incluso, nos sete anos de goberno de Rajoy.