Burela, 7 de xullo de 2020. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que os datos das últimas horas sobre o brote do Covid-19 rexistrado na Mariña son moi boa noticia porque todo parece indicar que se está a romper a cadea de contaxios. O rexedor insiste na necesidade de aprazar as eleccións na comarca porque a veciñanza desta zona xoga en desvantaxe o vindeiro domingo con respecto a outros lugares de Galicia. Alfredo Llano subliña que a poboación pide acudir con confianza a votar e iso neste momento non se dá. Ao alcalde de Burela parécelle inxusto e dunha irresponsabilidade absoluta que se estea a falar de confinar só a unha parte da Mariña.
O alcalde burelés considera que “houbo moito traballo detrás, hai que dicir que tanto o Hospital, como a Policía e os Concellos estamos traballando decididamente para frear este brote. Polo tanto sería unha ledicia para todos nós que puidéramos normalizar o antes posible toda a situación na Mariña para que poidamos recuperar a motivación de volver visitar a nosa comarca e as condicións socioeconómicas mellores para todos nós”.
O rexedor sinalou que “hai unha serie de xente confinada, unha serie de xente positiva, que se está agora mesmo valorando incluso que poidan ir votar. Hoxe na reunión manifestamos moitos que estamos moi preocupados polo que está ocorrendo na Mariña e que pensamos que, dado que aquí non se dan as condicións que se dan noutras partes de Galicia, evidentemente estamos en desvantaxe clara con respecto ás eleccións, entón dicíamos que era bo pensar tamén en cambiar de data as eleccións na Mariña”. Llano asegurou que “hai moita preocupación e isto crea unha serie de incertezas que hai que mirar como se solucionan e que a xente se sinta con confianza para ir votar. Nas actuais condicións vai ser difícil, eu estou vendo en Burela que moita xente me di a ver como vai ser isto porque ninguén quere arriscar se non hai unhas garantías sanitarias ao cen por cen”.
Para o alcalde de Burela “non se dá a fase inicial de cando se convocaron porque había garantías sanitarias, pero agora pensamos que na Mariña non hai garantía sanitaria para ofrecer ao cen por cen que a xente vaia votar con toda a tranquilidade e con toda a confianza. Se non a hai moitos de nós manifestamos querer cambiar as datas das eleccións na Mariña. Agora, ata o venres, hai que ver como vai a tendencia de contaxios, e o venres vaise decidir si se sigue nas mesmas condicións de confinamento en que estamos agora e ver se hai que prolongalas ou ben que se reduzan parte das condicións que se están marcando neste momento. Xa se verá o venres segundo sexa a evolución dos contaxios”.
Alfredo Llano dixo que “hoxe tristemente escoitamos ao presidente dicindo que non todos os concellos están afectados da mesma maneira, entón hai unha posibilidade de acotar os concellos que están máis afectados, entre os que nos atopamos nós máis Foz e Xove. Isto sería unha responsabilidade absoluta porque por un lado nos sinalan como se fósemos nosoutros os causantes de todo o mal, cando as razóns reais na Mariña é que todos nos intercomunicamos, hai moita xente que ven traballar a Burela e moita xente de Burela que vai traballar a outros concellos. Parece que non é serio todo o que se fala, son moi improvisadas todas as decisións que se toman, parecen de persoas que non están pola labor de vixiar a saúde nin de aplicar a xustiza como se debe. A ver que pasa de aquí ao venres. Mañá temos outra reunión telemática e a ver que é o que se decide o venres”.
O rexedor subliñou que “o dato positivo é que se puidéramos frear a cadea de contaxios sería extraordinario. Se onte, por exemplo, houbo cinco e hoxe hai tres, un ou ningún é o que nos debe importar, que entre todos vaiamos logrando que o nivel de contaxios vaia diminuíndo. Está moi controlado este brote e iso nos anima un pouco a todos”.
