Lugo, 8 de xullo de 2020. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este xoves, xunto á Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, e o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, na apertura da xornada de formación para os concellos sobre o Ingreso Mínimo Vital organizada pola institución provincial e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.
A sesión, tamén retransmitida en streaming, tivo unha boa acollida, pois alcaldes, alcaldesas e traballadores de 48 concellos de toda a provincia participaron no encontro, que tamén espertou o interese de empregados doutras institucións, como da prisión de Bonxe, da cal asistiron traballadoras sociais.
O Presidente enmarcou a organización desta xornada na aposta da Deputación pola formación e na función esencial da institución de cooperación e asistencia aos concellos, sobre todo tendo en conta que, como administración máis próxima á cidadanía, o seu papel resulta neste caso moi importante para a eficacia dunha ferramenta de loita contra a pobreza como é o Ingreso Mínimo Vital.
“As administracións locais, pola nosa proximidade, somos o primeiro punto de contacto entre as persoas e o ordenamento legal. Os lexisladores que redactan o texto, o Parlamento que o aproba, saben o que queren conseguir cunha nova medida. Pero que esta sexa efectiva de verdade para a sociedade, que dea froitos, depende moitas veces dos concellos, por ser a administración máis próxima ós veciños e veciñas”, asegurou José Tomé.
Por iso, explicou, a Deputación decidiu promover, en colaboración co INSS, estas xornadas, co fin de ofrecer a todos os concellos da provincia información, formación e a posibilidade de facer consultas e resolver dúbidas sobre o Ingreso Mínimo Vital.
Obxectivo común
O Presidente subliñou que esta prestación económica aprobada polo Goberno central a finais de maio supón un avance na loita contra a pobreza extrema, un obxectivo polo que “os responsables públicos, con independencia da nosa ideoloxía, temos a obriga de traballar. Está na Declaración Universal de Dereitos Humanos, e a nosa propia Constitución, no artigo 35.1, liga o dereito ó traballo a unha remuneración suficiente para satisfacer as nosas necesidades e as da nosa familia. É un dereito básico que moitos galegos aínda non conseguen ver cuberto”.
Segundo cálculos do Instituto Nacional da Seguridade Social, na provincia de Lugo, existen ao redor de 5.000 familias que se poderían beneficiar do Ingreso Mínimo Vital, que protexería a unhas 13.000 persoas en situación de pobreza extrema ou alta. “Para que esta ferramenta se converta de verdade nun elemento transformador da vida destas persoas e que contribúa a unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”, xornadas de formación como a organizada hoxe pola Deputación “son importantes porque a acción e a implicación dos concellos é fundamental”, asegurou José Tomé.
A sesión de formación foi impartida polo director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, o subdirector de Xestión de Incapacidade Temporal e Xestión Administrativa da Seguridade Social na provincia, Antonio Enríquez, e o director do Centro de Atención e Información da Seguridade Social en Lugo, que coordina a xestión da prestación do Ingreso Mínimo Vital na provincia, Xavier Caride.